Eleccións Europeas 9-X

CIS: o PSOE gañaría con cinco puntos de vantaxe sobre o PP e Agora Repúblicas lograría até tres escanos

O comunicador ultradereitista Alvise Pérez lograría acta de deputado.
Estimación de escanos do CIS para as eleccións europeas.
photo_camera Estimación de escanos do CIS para as eleccións europeas.

De decorreren hoxe os comicios europeos convocados para o próximo 9 de xuño, o PSOE sería a forza máis votada. Ou iso é, polo menos, o que estima o CIS, que esta quinta feira publicou o seu estudo preelectoral, que sitúa a candidatura encabezada pola ministra Teresa Ribera en cabeza, cunha estimación de voto de entre 32,8% e 35,2% e un abano de 21 a 24 escanos.

 

En segunda posición ficaría o PP de Dolors Montserrat, con entre 27,9% e 30,2% e de 18 a 20 asentos na Eurocámara. No Estado español repártense un total de 61. E como terceira forza irrompe o ultradereitista Vox, que ten como candidato o ex falanxista Jorge Buxadé, con entre 8,6% e 10,1% e de cinco a seis escanos.

Sumar e Podemos, agora concorrendo por separado, disputan o cuarto posto, con Estrella Galán e Irene Montero, respectivamente, como candidatas. As primeiras obterían de 5,9% a 7,2% dos votos e catro escanos, mentres a formación morada lograría de 4,4% a 5,4% e de dous a tres escanos.

As mesmas actas son as que estima o CIS para a coalición Agora Repúblicas, con entre 3,9% e 5% dos sufraxios e con Diana Riba (ERC) á cabeza e co escano case asegurado para a candidata do BNG, Ana Miranda, que concorre na terceira praza da papeleta. E inmediatamente despois irrompería un novo actor, o comunicador vinculado á extrema dereita Alvise Pérez, que coa agrupación de electores Se Acabó La Fiesta sumaría de 2,9% a 3,8% dos votos e de un a dous deputados.

Fechan a listaxe Junts i Lliures per Europa, co europarlamentario Toni Comín á cabeza, con de 2,2% a 3% dos apoios e de un a dous escanos; Ciudadanos, que presenta Jordi Cañas como candidato, con entre 1,8% e 2,6% e de un a dous deputados, e Por una Europa Solidaria (CEUS), a lista conxunta de PNV, Coalición Canaria, Geroa Bai e Proposta per les Illes, entre outras formacións, con entre 1,1% e 1,6% dos votos e de cero a unha actas. A súa candidata é a jeltzale Oihane Agirregoitia.

La España Olvidada Existe (0,2%-0,5%) non lograría representación, así como o resto de formacións que se presentan, entre outras o Partido Galego e Izquierda Española.

Comentarios