A CIG denuncia a situación de confinamento de mariñeiros galegos no Brasil

As Administracións non contactaron coa tripulación do arrastreiro 'Venturer', con 64 persoas a bordo, que partiu o 14 de xaneiro do porto vigués e agora atópase en porto polo foco de coronavirus.
Imaxe do barco afectado. (Foto: CIG)
photo_camera Imaxe do barco afectado. (Foto: CIG)

A tripulación do arrastreiro 'Venturer', un buque pesqueiro con base no porto de Vigo, leva varios días retida e confinada no Brasil pola detección de un foco de coronavirus no barco. A CIG fixo público hoxe este problema, pois aínda non houbo una actuación do Goberno do Estado español nin da Xunta para “garantir unha atención axeitada aos afectados” e información para as familias.

Precisamente a central sindical reclama a actuación das Administracións ante este surto nunha embarcación galega que partiu o 14 de xaneiro e que leva 64 persoas a bordo.

O responsábel da CIG Mar, Xavier Aboi, aclarou que o buque marchou faenar no caladoiro das Malvinas porque ninguén dera positivo antes de abandonar Vigo. Houbo unha corentena dunha semana nun hotel e un reducido grupo de mariñeiros tivo que quedar en terra por dar positivo nas probas.

No entanto, non foi até 10 días despois de estar no mar cando algunhas das persoas embarcadas comezaron a sentirse mal e ter síntomas que poderían ser do virus. Dada a crise, o capitán contactou co Centro Radio Médico de Madrid.

“Como a situación empeoraba trasladáronse a Salvador de Baía, a onde chegaron a madrugada do 28 de xaneiro, e alí permanecen fondeados sen poder desembarcar, agás cinco dos tripulantes, que foron internados en centros hospitalarios con distinta gravidade”, explica Aboi. Nese itinerario foron máis os contaxiados e agora transcende que aínda non houbo institucións públicas que “se interesasen” polos enfermos.

Tampouco se deu a oportunidade de falar cos familiares até hoxe, cando segundo Aboi o grupo Puerta Prado (armador do arrastreiro) permitiu o contacto.

“Foron as propias familias as que tiveron que poñerse en contacto co consulado, aínda que non temos constancia de que subiran a bordo para coñecer de primeira man a situación; o que si sabemos é que contactaron cos hospitais”, lamenta a CIG, que pide unha actuación inmediata para asegurar a atención médica e unhas condicións de corentena correctas.

Comentarios