Pouco tempo despois de que se detectara o primeiro foco de coronavirus nun pesqueiro con porto base en Burela e a comunidade mariñeira se despedira dun dos seus compañeiros por este motivo, a Xunta segue sen contar cun protocolo de atención ante estes casos de contaxio nun lugar de traballo tan reducido.
Segundo denuncia a CIG, toda a tripulación -formada por 17 persoas- permanece fechada no interior do Adviento I, onde a Xunta a obriga a pasar a corentena após dar positivo. Ante esta situación, a FGAMT-CIG exixe á Administración galega que permita o traslado.
A representación sindical entende que o persoal podería ir para casa ou ser levada a un “lugar axeitado para que pasen a corentena porque sobran sitios onde atender dignamente a estes traballadores”.
Aliás criticar que non haxa un protocolo “claro e efectivo” para casos coma este, dado que existen precedentes, a CIG sostén que un pesqueiro non é o mellor espazo para pasar unha enfermidade (haxa síntomas ou non) debido tantos ás dimensións reducidas como ás dotacións e comodidades.
“Non pode ser que a Xunta confine a xente en barcos e non reaccione até que a opinión pública se revela”, lamenta o responsábel da CIG Mar, Xabier Aboi. Na súa opinión, mesmo faría falta que os departamentos de Mar e Sanidade prepararan ás institucións portuarias ante estes casos tan novidosos.
Aboi insiste en que “non é normal que a solución sexa pechar o barco cos doentes dentro sen ofrecer ningunha alternativa, cando noutras ocasións si se buscaron". Entre as alternativas, fala de usar a rede de casas do Mar ou oficinas do ISM para atender á xente infectada ou que tivo contacto directo con doentes.
Polo de agora as dúas embarcacións das que se tivo noticia nesta segunda vaga por mor do coronavirus eran de Burela.