martes 26/10/21

Castillo confesa aos seus seguidores que o triunfo nas eleccións é seguro

O equipo legal de Fujimori xa traballa para evitalo.
pedro_castillo_voto
Pedro Castillo depositando o seu voto, o pasado domingo, na segunda volta das presidenciais (Foto: Perú Libre)

"Seremos un goberno respectuoso coa democracia, coa Constitución actual e faremos un Goberno con estabilidade financeira e económica", afirmou Pedro Castillo nun discurso ante os seus seguidores no local de Perú Libre en Lima, a capital do país.

Foi nese contorno que, segundo recolleu o xornal El Comercio, o candidato á Presidencia indicou que, "de acordo co informe dos seus interventores, xa teñen o reconto oficial da segunda volta que lles dá a vitoria nas eleccións xerais do Perú de 2021". 

Ademais, agradeceu as felicitacións por parte de diversos líderes "de América Latina e doutros países". Un dos últimos en facelo foi o ex presidente de Bolivia, Evo Morales, que tras un controvertido proceso electoral nas presidenciais de 2019 foi obrigado polo Exército a dimitir e exiliarse. 

"Moitos parabéns por esta vitoria, que é a vitoria do pobo peruano, mais tamén do pobo latinoamericano que quere vivir con xustiza social!", escribiu na súa conta do Twitter.

En Bolivia, unha remontada no reconto de votos similar á acontecida no Perú foi o detonante para as acusacións dun suposto fraude electoral por parte da forzas da oposición e da Organización de Estados Americanos (OEA). 

Á procura da nulidade

Nesa mesma liña manifestouse nos últimos días a rival política de Castillo, a líder de Forza Popular, Keiko Fujimori. Ao respecto, o presidente do Xurado Nacional de Eleccións do Perú (JNE), Jorge Salas, lamentou o "mal favor" que se fai á democracia "ao falar de fraudes que non existen".

Salas cualificou de "opinións" as denuncias da formación de Fujimori, a quen demandou "certo coidado ao falar de fraudes ou cousas polo estilo", segundo informou La República. Este xornal aseguraba nesta cuarta feira que "un equipo legal, composto por avogados dos grandes estudos xurídicos do país, estivo buscando indicios que permitan a nulidade das actas de sufraxio nas rexións favorábeis a Castillo". 

Máis de 71.000 votos

Segundo os últimos datos facilitados pola Oficina Nacional de Procesos Electorais (ONPE), o candidato de Perú Libre mantiña a vantaxe sobre a de Forza Popular por unha marxe de 71.618 votos, con 99,795% das actas procesadas e 98,351% das contabilizadas. En concreto, Castillo sumaría 8.736.471 votos (50,206%) e Fujimori 8.664.853 (49,794%). 

comentarios