Un xubilado de Burgos de 74 anos, detido como presunto responsábel das cartas explosivas que os EUA atribuían a Rusia

A finais do pasado ano unha misiva con material incendiario foi detectada polo persoal de seguridade do presidente Pedro Sánchez, a quen se dirixía, e outras cinco chegaron ás embaixadas en Madrid de Ucraína e os EUA, ao Centro de Satélites da UE, a unha empresa de Zaragoza e ao Ministerio de Defensa.
Dispositivo policial diante da Embaixada dos Estados Unidos en Madrid o pasado 1 de decembro, após recibir un dos paquetes bomba. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Dispositivo policial diante da Embaixada dos Estados Unidos en Madrid o pasado 1 de decembro, após recibir un dos paquetes bomba. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Policía Nacional vén de deter en Miranda de Ebro (Burgos) un home pola súa presunta relación co envío das cartas explosivas que o pasado mes de novembro foron remitidas ao presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a outros organismos.

Fontes da investigación confirmaron que se trata dun xubilado de 74 anos e que foi arrestado na citada localidade. O pasado 24 de novembro foi detectada unha carta con material explosivo dirixido a Pedro Sánchez que fora remitida por correo postal ordinario. Os servizos do Departamento de Seguridade de Presidencia do Goberno detectaron a carta nas tarefas de cribado e filtrado da correspondencia.

Outras cinco cartas semellantes polas súas características e contido foron recibidas polas embaixadas de Ucraína e os Estados Unidos en Madrid, pola empresa Instalaza en Zaragoza, o Centro de Satélites da Unión Europea —situado na Base Aérea de Torrejón— e o Ministerio de Defensa. Un vixiante de seguridade da Embaixada de Ucraína resultou ferido pola explosión dun dos artefactos.

O pasado 3 de xaneiro o xuíz da Audiencia Nacional que investiga o envío desta serie de cartas explosivas acordou abrir unha nova liña de investigación na causa para levar a cabo unha serie de pescudas de carácter tecnolóxico.

Sen pegadas rusas

A detención prodúcese só tres días despois de que The New York Times informase de que os servizos secretos estadounidenses apuntaban a Rusia como culpábel. Washington cría, segundo esta mesma publicación, que o Movemento Imperial Ruso, un grupo supremacista branco, fora o responsábel do envío destas cartas baixo a supervisión da Intelixencia de Rusia.

Porén, segundo avanza esta cuarta feira o diario ABC en relación coa detención do xubilado burgalés, as autoridades policiais non atoparon indicio ningún da súa suposta vinculación con Moscova ou con grupos extremistas rusos.

O investigado pasará a disposición xudicial, segundo o previsto, esta mesma sexta feira. Impútanselle seis delitos de terrorismo en relación co envío de cada unha destas misivas que contiñan material explosivo.

Comentarios