Caracas rexeita a despregadura de tropas de Washington no Esequibo

Crearase un novo Estado en Venezuela.
Delcy Rodríguez, vicepresidenta venezolana, votando no referendo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Delcy Rodríguez, vicepresidenta venezolana, votando no referendo. (Foto: Nós Diario)

O Goberno de Venezuela condenou hoxe que o presidente de Güiana, Irfaan Ali, “de maneira irresponsábel dera luz verde” a presenza do Comando Sur, unha das divisións das Forzas Armadas estadounidenses, no Esequibo, despois de que o mandatario güianés comunicara que se puxo en contacto coa división, os Estados Unidos, Reino Unido, Francia, o Brasil e a Organización das Nacións Unidas para preservar o seu control do territorio reclamado por Venezuela.

A vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, indicou que Ali “sabe que non ten outra opción que a negociación directa” para avanzar na resolución da situación.

O lexislativo de Venezuela comezou hoxe o debate sobre a proposta entregada polo presidente Nicolás Maduro, en base aos resultados do referendo do pasado domingo que avalaron a reclamación territorial, que crearía o Estado da Guyana Esequiba.

Tamén ordenou comezar a conceder licencias para explorar e explotar reservas de petróleo e gas, así como recursos mineiros, no Esequibo, amais da creación dunha nova sección do Exército para o territorio en disputa.

Comentarios