Bruxelas prevé destinar 500 millóns de euros á produción de armamento

O acordo militar é o primeiro que se asina baixo a Presidencia española.
Ursula von der Leyen a terza feira. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA).

Os Estados da Unión Europea (UE) e o Parlamento Europeo fecharon esta sexta feira un acordo provisional sobre o regulamento de apoio á produción de munición dentro das fronteiras comunitarias, decisión coa que aspiran a encher os seus arsenais militares e reforzar os ucraínos.

Así, sae adiante a proposta da Comisión Europea para un mecanismo dotado de 500 millóns de euros para elevar a capacidade de produción militar na UE, unha medida coa que Bruxelas quere que o seu sector de defensa entre en modo de guerra.

"Aumentará a capacidade da UE e reporá as existencias. Isto acelerará a entrega de munición a Ucraína nesta fase crucial da guerra", afirmou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, sobre este acordo, o primeiro baixo a presidencia española do Consello da UE.

Na mesma liña, a presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, destacou que o regulamento permitirá acelerar as entregas de armamento a Ucraína. "O noso apoio a Ucraína é incesante. Durante o tempo que sexa necesario", indicou Metsola.

Munición de fragmentación

Tamén durante esta sexta feira, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, deixou en mans dos aliados a posibilidade de subministrar munición de fragmentación a Ucraína.

O dirixente da OTAN recordou que no seo da organización non hai unha posición común ao redor da Convención sobre as Municións de Fragmentación de 2008 que prohibe o uso, desenvolvemento, adquisición, almacenamento e transferencia desta clase de armamento.

"Unha serie de aliados asinaron a convención e outros non. É unha decisión individual decidir sobre a entrega desta asistencia militar a Ucraína. É cousa dos Gobernos e non da alianza", afirmou Stoltenberg. 

Comentarios