Biden veta a importación de petróleo e gas de Rusia e estuda alternativas con Venezuela

Os carburantes encadean máis de dous meses cos prezos á alza e superando máximos históricos (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
"Defender a democracia terá custos para a cidadanía", dixo o presidente estadounidense, Joe Biden, que valora reducir as sancións a Venezuela para importar petróleo.

O presidente dos EUA, Joe Biden, anunciou esta terza feira a prohibición das importacións de petróleo, gas e carbón procedentes de Rusia a raíz da invasión de Ucraína.

"Non subvencionaremos a guerra de Putin", apuntou, nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que tamén avogou por seguir aumentando a presión sobre a Federación Rusa tras a aprobación do paquete de sancións económicas "máis significativo da historia".

Defender a democracia, dixo, "terá custos" para a cidadanía estadounidense. "A guerra está a afectar as familias dos EUA no depósito de combustíbel", lembrou, en alusión ao incremento de até 75 centavos no prezo, unha suba que, "previsibelmente, irá a máis".

Segundo datos do portal estatístico Eurostat recollidos por Europa Press20,8% do petróleo que importaron os países da Eurozona en 2020 procedía de Rusia, mentres que no caso dos EUA supuxo 6,9%.

O secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, xa adiantara o pasado domingo que os seus "aliados europeos" estaban a estudar a posibilidade de sumarse ao embargo total sobre o petróleo ruso.

En consecuencia, o Goberno estadounidense valora unha posíbel redución das sancións a Venezuela que permitiría ao país que dirixe Nicolás Maduro producir máis petróleo e vendelo no mercado internacional, logo de varios anos de alta tensión política entre ambos os países.

O Goberno venezolano non se pronunciou, polo de agora, a respecto das últimas ofertas que terían recibido dos EUA sobre as exportacións de cru.