Biden chama "tolo fillo de puta" a Putin

Rusia afea as declaracións do presidente dos EUA, quen, preguntado pola incesante tensión nuclear, afirmou que a única ameaza real para o mundo é actualmente o cambio climático.
O presidente dos EUA, Joe Biden, en rolda de prensa. (Foto: Brian Cahn / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, en rolda de prensa. (Foto: Brian Cahn / Europa Press / Contacto)

Para o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, o cambio climático é a "verdadeira ameaza" que existe actualmente no mundo e non a guerra de Ucraína ou a incesante tensión nuclear, nomeadamente entre os EUA e Rusia, a pesar do "tolo fillo de puta" do seu presidente, Vladimir Putin. Unhas polémicas declaracións que chegan días despois de que a Intelixencia estadounidense advertise da súa intención de despregar armas nucleares no espazo.

"Esta é a última ameaza existencial, é o clima. Temos un tolo 'SOB' (acrónimo de 'son of a bitch', 'fillo de puta' en inglés— como ese tipo, Putin, e outros, e sempre temos que preocuparnos polos conflitos nucleares, pero a ameaza existencial para a humanidade é o clima", aifrmou o mandatario estadounidense esta quinta feira, nun acto de recadación de fondos na cidade de San Francisco.

Desde o Kremlin non tardaron en responder ás "desafortunadas" palabras de Biden: "Unhas declaracións tan groseiras procedentes da boca do xefe de Estado dos EUA dificilmente poden ferir dalgún modo o xefe doutro Estado, e especialmente o presidente Putin. Pero é unha enorme vergoña para o propio país, Estados Unidos. Así que, se o presidente dese país utiliza unha linguaxe dese tipo, debería darlles vergoña", censurou o portavoz do Goberno ruso, Dmitri Peskov.

Comentarios