Bárcenas declara que lle pediron falsear os papeis da 'caixa B'

Luis Bárcenas declarou onte no xuízo sobre a caixa 'b' do PP que desde o partido tentaron subornalo con 500.000 euros para falsificar os seus propios documentos contábeis (logo de que se filtrasen á prensa) pero mudando cantidades e conceptos "para xerar dúbidas na opinión pública" de se eran orixinais ou non.
Luis Bárcenas, no xuízo pola caixa 'b' do PP (Foto: Pool / Europa Press)
photo_camera Luis Bárcenas, no xuízo pola caixa 'b' do PP (Foto: Pool / Europa Press)

O ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas declarou na Audiencia Nacional ter entregado sobres con diñeiro da contabilidade 'b' do PP ao ex presidente do Goberno Mariano Raxoi e aos ex ministros Francisco Álvarez Cascos, Javier Areas, María Dolores de Cospedal, Jaime Mayor Oreja e Federico Trillo. Durante o interrogatorio do fiscal, Bárcenas citou outros nomes de receptores de sobresoldos como o do parlamentario José Miguel Ortí e o do asesor Pedro Arriola, e asegurou que tamén figuran na contabilidade paralela os ex ministros Rodrigo Rato e Ángel Acebes, aínda que a estes dous non lles entregou o diñeiro en man. 

Segundo explicou, os sobresoldos entregábanse porque segundo a lei de incompatibilidades, cando o PP chegou ao Goberno con José María Aznar, non podían percibir soldo distinto ao de servidor público. Dado que isto "supuña unha diminución moi importante nas súas retribucións" o tesoureiro de entón, Álvaro Lapuerta, recibiu a proposta de entregar sobresoldos “con fondos da contabilidade extracontábel". 

Bárcenas explicou que a caixa ‘b’ existía porque recibían donativos que superaban os límites permitidos e porque había compromisos "que había que satisfacer de forma non oficial" como retribucións a determinados cargos electos, pagos a asesores ou gastos que asumiran familiares de concelleiros asasinados por ETA. "Necesitabamos diñeiro desas características para atender pagos desas características", apuntou.

Ante a incredulidade do fiscal, que non se explicaba por que eses gastos non se levaban na contabilidade oficial, o ex tesoureiro escudouse en que era unha "instrución" que recibiu o seu superior Lapuerta do secretario xeral do partido, que naquel momento era Álvarez Cascos, aínda que se mantivo cos secretarios posteriores, que pasaron a percibir sobresoldos polo seu cargo, dixo. Preguntado por até cando se estende a contabilidade 'b', explicou que "os papeis do PP" finalizan en 2009 cando empeza a instrución da primeira etapa da Gürtel. Indicou que se decide liquidar o saldo que hai e entregalo ao presidente do partido.

Previamente, en xuño de 2008 tería entregado, segundo afirmou, a Mariano Raxoi e Dolores de Cospedal un sobre con 25.000 euros a cada un.

Suborno

En 2013, cando se publican os 'papeis de Bárcenas' en El Pais, se lle convocou a unha reunión no despacho do avogado Javier Iglesias, entón letrado de Lapuerta, en que lle expuxeron a preocupación no partido e propuxéronlle volver repetir eses documentos pero cambiando as cantidades e conceptos "para xerar dúbidas na opinión pública" de se eran orixinais ou non.

"Ofrecéronme 500.000 euros para fechar o litixio laboral", lembrou Bárcenas esta segunda feira, 8 de marzo, no xuízo, tras o que engadiu que ese diñeiro que lle ofrecían chegaba de empresarios, e que el se negou porque exixía a cantidade de 975.000 euros, o que lle "correspondía" en concepto de indemnización.

Comentarios