Baiuca xa está na casa logo de vivir un golpe de estado en Sudán

Baiuca chegou a Madrid na noite de onte (Foto: EP).
O grupo pasou cinco días atrapado no país africano.

O grupo galego Baiuca, atrapado en Sudán durante cinco días polo golpe de estado que azoutou o país esta semana, xa chegou ao Estado español, segundo anunciou a produtora da formación, Raso Estudo.

Xunto a  Baiuca -Alejandro  Guillán-, abandonaron o país en canto o aeroporto da capital, Xartum, retomou a actividade, o percusionista Xosé Lois Romero, a cantante Andrea Montero, o cineasta e responsábel da parte audiovisual do espectáculo, Adrián Canoura, e o técnico de son Alfonso García.

"Tras máis de 36 horas de viaxes e escalas, tanto  Baiuca como os seus músicos xa aterraron en España", anunciou o estudo.

Raso insistiu en asegurar que, durante o illamento na residencia da Embaixada de España en Xartum, os cinco estiveron "seguros e protexidos polo equipo e as forzas e corpos de seguridade, que os acompañaron desde a súa chegada o pasado domingo 24 de outubro até que na sexta feira, 29, emprenderon o principio dun longo camiño de volta".

Segundo explicaron, o roteiro elixido foi diferente do planeado inicialmente. Co inicial, a comitiva voaba con Turkish Airlines facendo o itinerario co que chegaran a Xartum, pero a compañía turca decidiu horas antes cancelar todos os seus voos, polo que tiveron que recorrer a Ethiopian Airlines, viaxando primeiro de Xartum a Addis  Ababa (Etiopía), horas máis tarde de  Addis Ababa a Roma (Italia), e tras máis de dez horas sen poder saír do aeroporto polas regras sanitarias que ten Italia cos pasaxeiros procedentes de Etiopía, finalmente o sábado 30 de outubro pola tarde puideron marchar de Roma con destino Madrid, onde aterraron ás 21 horas.

"Foron días de moita incerteza e tensión, nos que tentamos dosificar ben a información, manter a tranquilidade e o diálogo diplomático coa Embaixada de España en Xartum e o Ministerio de Asuntos Exteriores e, sobre todo, apoiarnos nos familiares e achegados, sen os que sería moi difícil afrontar esta complicadísima semana. Eles e elas (pais, nais, parellas, fillos, achegados) foron os piares fundamentais para soportar estes días e tomar as decisións correctas", destacou Raso.

A produtora agradeceu as múltiples mostras de apoio recibido, así como a “comprensión e o trato obxectivo por gran parte da prensa que fixo o seguimento da noticia". "Criamos que, por seguridade e dilixencia, e por evitar  sensacionalismos gratuítos, tiñamos que ter certezas sobre as cousas para poder contalas. Dar información nun momento no que tivemos que cambiar tantas veces de plans sería contraproducente", indicou.