O músico Baiuca poderá saír de Sudán, en pleno golpe de estado, na sexta feira

O estudo que produce ao artista confía en que tanto este coma o seu equipo poidan marchar do país coa apertura do aeroporto de Xartum, prevista para finais de semana. Garanten que a delegación galega, que se atopaba na zona por traballo, está "ben e segura".
O galego Baiuca nunha imaxe publicitaria. (Foto: Baiuca)
photo_camera O galego Baiuca nunha imaxe publicitaria. (Foto: Baiuca)

O golpe de estado en Sudán deixou atrapado no Estado ao músico galego Baiuca e ao seu equipo, que se atopaban de viaxe de traballo. Após varios días nun lugar seguro, o estudo que se encarga da produción deste artista afirma que o obxectivo é que a delegación poida abandonar a zona do conflito esta sexta feira.

A empresa Raso asegura que na axenda figura a viaxe para final de semana, cando está previsto que reabra o aeroporto de Xartum, a capital de Sudán.

A data sería a que tamén lles forneceu a Embaixada de España.

Mentres tanto, a produtora indica que quer Baiuca, quer as e os seus acompañantes se atopan "ben e seguros".

O estalido do conflito sorprendeu aos galegos en Xartum porque ían participar no festival Sama, no que Baiuca ía ofrecer o concerto principal da terza feira.

Aliás, tiña que participar nun encontro con músicas e músicos locais tras chegar á capital o domingo.

Xunto Alejandro Guillán -nome real de Baiuca- permanecen en "lugar seguro" o percusionista Xosé Lois Romero, a cantante Andrea Montero, o cineasta e responsábel da parte audiovisual do espectáculo Adrián Canoura e o técnico de son Alfonso García.

A nivel xeral, o ministerio de Exteriores recomenda evitar desplazarse até Sudán malia que volva operar o aeródromo.

Comentarios