Australia conmemora o "día da invasión" e "o xenocidio"

O movemento Warriors of the Aboriginal Resistance (WAR) exixe compensacións económicas ás persoas aborixes por anos de colonización.
Concentración en Brisbane, diante o monumento á raíña Vitoria (Laraine McCarthy)
photo_camera Concentración en Brisbane, diante o monumento á raíña Vitoria (Foto: Laraine McCarthy)

A festividade estatal de Australia, o chamado Australia Day, conmemora, desde 1994, a chegada o 26 de xaneiro de 1788 de Arthur Phillip cos once primeiros barcos á badía de Sidney. Esas embarcacións levaban condenados que chegaron a ese continente para vivir no que sería unha colona penal. Ese momento tamén marcou para sempre a vida das e dos aborixes de Australia após violentas incursións por todo o territorio e unha persecución que aínda queda na memoria. 

En 2015 o movemento Warriors of the Aboriginal Resistance (WAR), un colectivo de mozas e mozos aborixes comprometidos coa causa da descolonización e coa filosofía do nacionalismo aborixe, da resistencia e do avivamento, organizou concentracións ás que asistiron miles de persoas para protestar polo feche forzado de comunidades aborixes remotas no oeste de Australia.

En 2018 desde WAR comezouse a organizar o "dia da invasión" na cidade de Melbourne. Daquela, as redes sociais serviron como canle para promover todo tipo de actos semellantes e contestar a celebración oficial de maneira transversal por parte do movemento nacional aborixe. 

As reivindicacións deste ano  2021, marcado pola pandemia da Covid-19 e as medidas de seguridade por parte de activistas nativas e nativos, centrouse en exixir que "todos as negras e negros" aborixes  recibisen un millón de dólares en "reparacións" por terlles roubado a terra cando os colonos británicos chegaron a Australia.

Durante o acto principal, e de maneira simbólica, unha das persoas asistentes subiu a unha estatua da raíña Vitoria na localidade de Brisbane cunha pancarta na que se podía ler "esta non é a terra da raíña". 

As consecuencias da presión colonial

Segundo un estudo realizado en 2017, a esperanza e vida é inferior a 10,6 anos para os homes nativos e a 9,4 anos para as mulleres. As taxas de suicidio das e dos aborixes tamén son extremadamente elevadas.

Segundo o informe do Proxecto de avaliación da prevención do suicidio dos aborixes e do estreito de Torres (2016), as e os adolescentes nativos de entre 15 e 24 anos teñen cinco veces máis probabilidades de suicidarse e teñen niveis máis elevados de abusar das drogas e do alcohol.

Comentarios