Un ataque con bombas deixa 100 mortes de civís en Myanmar

Campamento de refuxiados en Myanmar. (Foto: Europa Press / Contacto / Guillaume Payen)
Ocorreu na aldea de Pazi Gyi, municipio de Kantbalu, cando un avión militar lanzou unha bomba ou varias (varía segundo as versións de prensa), e despois un helicóptero ametrallou o sitio, momentos en que sobrevivintes fuxían e voluntarios acudían en socorro das vítimas.

A xunta militar de Myanmar bombardeou unha reunión de civís nunha remota aldea da rexión de Sagaing (noroeste) e provocou polo menos 100 mortes, feito que foi condenado pola Organización das Nacións Unidas (ONU). O feito ocorreu na aldea de Pazi Gyi, municipio de Kantbalu, cando un avión militar lanzou unha bomba ou varias (varía segundo as versións de prensa), e despois un helicóptero ametrallou o sitio, momentos en que sobrevivintes fuxían e voluntarios acudían en socorro das vítimas.

Alí atopábanse preto de 150 persoas, entre eles crianzas e anciáns, que acudían ao acto de conformar a administración local do Goberno de Unidade Nacional (NUG). Testemuñas declararon a medios de comunicación que a cifra de vítimas podería superar o centenar e que será difícil identificalas, pois moitos cadáveres quedaron esnaquizados e queimados debido á explosión.

O portavoz da xunta militar, xeral Zaw Min Tun, confirmou á prensa que atacaron a vila pois alí se estaría realizando a apertura dunha oficina para a súa forza de defensa voluntaria local. Alegou que estas milicias se opoñen á paz, polo cal bombardearon un suposto depósito de explosivos.

De acordo con reportes de prensa, as forzas de defensa voluntaria local -tamén coñecidas como Forzas de Defensa do Pobo- enfrontan aos militares pola vía armada en varias partes de Myanmar e mostráronse moi activas en rexións como Sagaing.

Segundo eses reportes, unidades do Exército son frecuentemente emboscadas nas estradas e por iso os mandos castrenses utilizan máis os medios aéreos para destruír escolas, clínicas ou pobos enteiros e "pacificar" dese modo.

Condena da ONU

Nun comunicado, o secretario xeral da ONU condenou enerxicamente o feito, pediu que os seus responsábeis rendan contas e reiterou o seu chamado a que a xunta poña fin á violencia contra civís.

António Guterres ofreceu as súas condolencias ás familias das vítimas e pediu aos militares que se permita aos feridos acceder a tratamento médico urxente, segundo o texto difundido polo portavoz da súa oficina, Stéphane Dujarric.

Ao referirse a este feito, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Volker Turk, dixo nun comunicado: "A pesar das claras obrigacións legais dos militares de protexer os civís na condución das hostilidades, houbo un flagrante desprezo polas normas relacionadas do dereito internacional".

O feito tamén foi repudiado polo relator da ONU para Myanmar, Tom Andrews; a portavoz de Asuntos Exteriores e Política de Seguridade da Unión Europea, Nabila Massrali, e o portavoz do Departamento de Estado dos EUA, Vedant Patel.