A ONU pide unidade internacional para acabar coa ditadura en Myanmar

A oposición birmana convoca unha folga xeral para esta cuarta feira.
Protestas en Bangkok (Tailandia) contra a ditadura birmana. (Foto: Adryel Talamantes / ZUMA Press)
photo_camera Protestas en Bangkok (Tailandia) contra a ditadura birmana. (Foto: Adryel Talamantes / ZUMA Press)

António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), efectuou un novo "chamamento aos países veciños e a outros Estados membros para que insten os líderes militares a respectar a vontade e as necesidades do pobo de Myanmar e adherirse ás normas democráticas", trasladou na madrugada desta terza feira o voceiro da Secretaría Xeral, Stéphane Dujarric.

Ao tempo, condenou "todas as formas de violencia" e expresou a súa preocupación polas eleccións que busca convocar o Exército para lexitimar o seu poder despois de instaurar unha ditadura após o golpe de Estado do 1 de febreiro de 2021, un proceso que a ONU considera unha "fraude" ao estar previsto "no medio da intensificación dos bombardeos aéreos e da queima de vivendas civís, xunto a continuos arrestos, intimidación e acoso de líderes políticos, actores da sociedade civil e xornalistas", sostivo.

Amais de reclamar un "acceso total e sen trabas a todas as comunidades afectadas" para "abordar as múltiples vulnerabilidades derivadas das accións militares", que converteron o conflito nunha guerra civil, Guterres salientou a resolución do pasado decembro do Consello de Seguridade da ONU que solicita acabar cos ataques contra civís e a infraestrutura civil, e liberar os presos políticos a raíz dunha represión na que foron asasinadas desde febreiro de 2021 arredor de 2.750 persoas.

A pesar diso, a oposición convocou unha folga xeral para esta cuarta feira co fin de amosar o seu rexeitamento á ditadura militar e á "espiral cada vez máis intensa de atrocidades contra o pobo birmano", denunciou a entidade non gobernamental Human Rights Watch.

Comentarios