Os atacantes nas Vegas e Nova Orleans estarían vinculados co Exército dos Estados Unidos
A violencia e potenciais actos de terrorismo asaltaron os Estados Unidos a menos de tres semanas da investidura do republicano Donald Trump, que xa ocupou a Presidencia entre 2017 e 2021, o 20 de xaneiro, substituíndo o demócrata Joe Biden.
Na madrugada da quinta feira, 10 persoas ficaron feridas nun tiroteo nas inmediacións dun club nocturno en Nova York, informou a Policía local, que detallou que tres ou catro homes dispararon arredor de 30 veces contra un grupo de persoas de entre 16 e 20 anos antes de fuxir. Non se teme pola vida das feridas.
Nos primeiros dous días do ano 50 persoas morreron en incidentes con armas de fogo nos Estados Unidos, con 132 máis feridas, e xa se produciron dous tiroteos masivos, refire o Gun Violence Archive. En 2023 case 19.000 persoas perderon a vida a tiros no territorio.
Philip Rivera, do Departamento de Policía neoiorquino, fixo énfase ao trasladar a información do acontecido en que “isto non é terrorismo”, indicando que a hipótese coa que traballan é que había detrás un enfrontamento entre bandas.
Onde si as autoridades investigan por terrorismo é en Nova Orleans e nas Vegas. No primeiro día do ano, 14 persoas morreron nun atropelo masivo –15 ao incluír o autor do ataque– na cidade do sueste, que deixou 30 feridas, e unha –o sospeitoso-, con sete persoas feridas, na capital do xogo.
Sobre o primeiro atentado, o masacre con máis mortes no país desde outubro de 2023, Biden trasladou que o condutor, un veterano do Exército estadounidense, publicara horas antes vídeos nas súas redes sociais expresando a súa intención de matar e remarcando que se “inspirara” no Estado Islámico (ISIS), e sobre o segundo apuntou que están a investigar “se hai algunha posíbel conexión co ataque en Nova Orleans”.
Este último consistiu na explosión dun coche Tesla Cybertruck, producido por unha empresa de Elon Musk, un dos principais aliados de Trump e nomeado para co dirixir o Departamento de Eficiencia Gobernamental, diante da porta do Trump International Hotel, cuxo dono é o mandatario electo.
Até o de agora hai dúas coincidencias principais entre os casos, que ambos os dous vehículos implicados foron alugados por medio de Turo, unha aplicación do ámbito, e que, revelaron medios locais, o condutor na segunda cidade era Matthew Livelsberger, tamén relacionado co Exército mais neste caso militar en activo.
No tocante a Nova Orleans, con anterioridade a Axencia Federal de Investigación (FBI) comunicara que “localizouse unha bandeira do ISIS no vehículo e o FBI está a traballar para determinar as posíbeis asociacións e afiliacións do suxeito con organizacións terroristas”.
Asemade, identificou o condutor como Shamsud Din Jabbar, cidadán de 42 anos orixinario de Texas, que se integrou nas Forzas Armadas en 2007 e estivo destinado de 2009 a 2010 en Afganistán, durante a ocupación estadounidense do país. En 2015 foi transferido á reserva e dado de baixa en 2020. O FBI, que primeiro afirmara que non actuará só, ratificou a quinta feira o contrario.
Poucas horas despois da fin de ano, Jabbar lanzouse conducindo un coche alugado contra unha multitude que celebraba en Bourbon Street, un lugar de referencia nesta data na urbe. Após chocar cun guindastre saíu do vehículo e comezou a disparar, sendo abatido pola Policía, dous de cuxos axentes foron alcanzados polas balas.
A axencia Reuters informou de que as persoas investigadoras pescudaban a quinta “que motivou” Jabbar para protagonizar o ataque. No coche atopáronse armas e un posíbel artefacto explosivo, e dous máis na área.
Un ISIS moi debilitado
O 20 de decembro os Estados Unidos anunciaron a morte dun alto cargo do ISIS nun bombardeo en Siria, onde ocupan parte do leste do país e contan con múltiples bases militares na área autónoma kurda do nordés. A organización fundamentalista rexurdiu en Siria en paralelo á caída do Goberno de Bashar al Assad, apoiado por Rusia e Irán –chaves para a redución á mínima expresión do grupo, que ten uns 8.000 combatentes presos e que trata de liberar na área kurda–, que deu paso a un Executivo controlado por outro grupo xihadista.
Malia ataques como o dunha das súas filiais, o ISIS-K, que opera sobre todo desde Afganistán, en marzo de 2024 en Rusia, causando 145 mortes, a axencia AP subliña que é “unha organización dispersa e moi debilitada” que encabeza unha “alianza moi descentralizada”, e persoas expertas citadas polo medio explican que “é poderoso hoxe en parte como marca, inspirando grupos armados e individuos en ataques nos que o grupo en si talvez non teña un papel real”.
Sen indicios de relación co ISIS nas Vegas
Ao respecto do ataque nas Vegas, foron atopados no Tesla que estoupou morteiros de fogos artificiais e botes de combustíbel, e, aínda que se está a investigar por terrorismo, a primeira hipótese é que se trata dun “incidente illado”, transmitiu a Policía Metropolitana, que incidiu en que non hai indicios de conexión co ISIS.
Musk sinalou que “confirmamos que a explosión foi causada por fogos artificiais moi grandes e/ou unha bomba transportada no maleteiro do Cybertruck alugado”, defendendo que a solidez do vehículo “contivo a explosión”, polo que a deflagración non chegou a afectar os vidros do vestíbulo do hotel.
A extrema dereita supremacista branca, a ameaza de seguridade chave
Despois dos ataques, a prensa estadounidense reiterou as advertencias da Intelixencia do país sobre a ameaza vinculada ao terrorismo que supón o xenocidio israelí na Faixa de Gaza. Nesa liña, a posibilidade de ataques xihadistas, cuxo estudo recibe moito máis financiamento que outros casos, xa fora superada en 2020 pola extrema dereita relacionada co supremacismo branco como a ameaza máis “persiste e letal” para o país, sentenciara o Departamento de Seguridade Nacional (DHS). De feito, entre 2009 e 2018 a ultradereita estivo detrás de 73% das mortes relacionadas co extremismo no país.
O informe de ameazas de 2025 do DHS, ademais de mencionar a situación en Palestina, afirma que a “ameaza de violencia por parte de extremistas violentos dos Estados Unidos seguirá a ser alta”, nunha categoría na que se inclúen tanto atacantes locais como estranxeiros relacionados cos Estados Unidos.
Á vez, debulla que “a ameaza seguirá a caracterizarse principalmente por criminais solitarios ou pequenas células motivadas para a violencia por unha combinación de agravios raciais, relixiosos, de xénero ou antigobernamentais, teorías da conspiración e factores persoais”.
A pesar do peso da ultradereita nos atentados, durante o seu primeiro mandato Donald Trump insistiu en que as organizacións antifascistas e anarquistas eran unhas das principais ameazas aos Estados Unidos, e até chegou a ameazar o movemento descentralizado Antifa con declaralo unha organización terrorista.