VÍDEO | Un morto e sete feridos tras explotar unha camioneta eléctrica Tesla xunto ao Hotel Trump en Las Vegas

O incidente está a ser investigado como un posíbel atentado terrorista.
Axentes traballan perto da entrada da Torre Trump tras a explosión dun Tesla Cybertruck. (Foto:  Mikael Ona / ZUMA Press Wire / dpa)
Axentes traballan perto da entrada da Torre Trump tras a explosión dun Tesla Cybertruck. (Foto: Mikael Ona / ZUMA Press Wire / dpa)

Unha persoa morreu e sete máis resultaron feridas tras unha explosión nunha camioneta eléctrica Tesla Cybertruck xunto ao Hotel Internacional Trump de Las Vegas esta cuarta feira. O incidente está a ser investigado como un posíbel atentado terrorista.

A Policía de Las Vegas informou de que a explosión ocorreu na zona de aparcacoches do hotel sobre as 8.40 da mañá. A vítima mortal estaba dentro do vehículo, explicou o shériff Kevin McMahill, citado pola filial na zona da cadea NBC. "Estamos a investigar o incendio dun vehículo na entrada das Torres Trump. O lume está sufocado. Por favor, eviten a zona", publicou a Policía na súa conta en X. O lume foi sufocado por bombeiros do condado de Clark.

Máis tarde, McMahill confirmou en rolda de prensa o achado dun corpo sen vida dentro da camioneta, unha Cybertruck modelo 2024, e sete persoas con feridas leves como consecuencia da explosión.

"Como pode imaxinar, cunha explosión aquí no famoso Bulevar de Las Vegas, estamos a tomar todas as precaucións que necesitamos para que que a comunidade estea a salvo. Estamos a buscar artefactos secundarios", indicou. En redes sociais publicáronse imaxes nas que se pode ver a camioneta eléctrica parada e a explosión que procede da parte traseira do vehículo.

Reaccións de Trump, Musk e Biden

Eric Trump, un dos fillos de Donald Trump, dono do hotel e presidente electo de Estados Unidos, manifestou o seu agradecemento aos servizos de emerxencia pola reacción ante este incidente nunha mensaxe publicada en X. Tamén o dono de Tesla e o home máis rico do mundo, Elon Musk, apuntou a que hai medios propios postos na investigación. "O equipo de máis nivel de Tesla está a investigar este tema agora mesmo. Xamais viramos algo como isto", publicou en X.

Pola súa parte o presidente dos EUA, Joe Biden, afirmou que as forzas de seguridade están a investigar se existen vínculos entre o atropelo intencionado en Nova Orleans no que morreron polo menos 15 persoas e a explosión dun vehículo Tesla fronte ao Hotel Internacional Trump en Las Vegas.

"Estamos a seguir a explosión dun [Tesla] Cybertruck fronte ao Hotel Trump. As forzas de seguridade e a Intelixencia están a investigar isto, mesmo se existe algunha posíbel conexión co ataque de Nova Orleans", indicou o presidente estadounidense nun breve discurso á nación.

Comentarios