Asasinan Alejandra Ironici, activista pioneira na loita polos dereitos das persoas trans en Arxentina
Os medios de comunicación arxentinos informaron na mañá desta terza feira do asasinato de Alejandra Ironici, recoñecida por ser a primeira muller trans en obter o recoñecemento legal no país de América do Sur.
Segundo detallaron os xornais, a activista polos dereitos do colectivo LGTBIQ+ foi atopada no seu domicilio, na cidade de Santa Fe, con signos evidentes dun ataque con arma branca. O seu corpo tamén presentaba diversas queimaduras.
Nesta mesma cidade, Ironici conseguiu en 2012 que o seu Documento de Identidade recoñecese de maneira legal a súa condición de muller trans, sendo a primeira persoa que o conseguía pola vía administrativa en Arxentina.
Segundo informaron diversos medios locais, xa hai unha persoa detida en relación ao asasinato da activista, e a fiscal Alejandra del Río xa abriu dilixencias para esclarecer o ocorrido.
Reaccións institucionais
No momento de coñecerse o falecemento de Ironici, foron diversos os cargos do Goberno arxentino que trasladaron as súas condolencias á súa familia e achegados.
É o caso da ministra de Igualdade, Xénero e Diversidade da provincia de Santa Fe, Florencia Marinaro, que asegurou que "é demasiada a dor que nos provoca a morte de Alejandra Ironici".
"Vaise unha amiga, con quen aprendín sobre os dereitos conquistados e o traballo de cada día. Estamos coa súa familia, coa comunidade e con todo o que implica traballar pola xustiza en coordinación coa Fiscalía", engadiu na súa conta de Twitter.
Pola súa parte, a Ministra de Goberno, Xustiza e Dereitos Humanos da provincia de Santa Fe, Celia Area, explicou que "a dor que provoca a morte de Alejandra Ironici é tan grande como o legado que deixa, por cada dereito conquistado, por cada vida que se transformou construíndo unha sociedade máis xusta".