Xustiza

Arquivada a causa contra Mónica Oltra que desencadeou a súa dimisión en 2022

A ex vicepresidenta e voceira de Compromís renunciara pola imputación.
Mónica Oltra (centro). (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Mónica Oltra, no centro. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

Dous anos máis tarde do comezo das pescudas, a terza feira transcendeu que o Xulgado de Instrución 15 de València optou polo sobresemento provisorio do caso contra a ex vicepresidenta do País Valencià, Mónica Oltra (Compromís) e outras 14 persoas investigadas, tanto da Consellaría de Igualdade valenciana como dun centro de menores, por supostamente ter agochado os abusos sexuais a unha menor de 16 anos tutelada polos que a ex parella de Oltra, Luis Eduardo Ramírez, foi condenado a cinco anos de prisión.

En xuño de 2022, Oltra dimitiu da Vicepresidencia, da Consellaría de Igualdade, como deputada e co voceira de Compromís ao ser imputada, defendendo que buscaba non afectar o Goberno progresista, que xa foi substituído por un Gabinete conxunto do Partido Popular (PP) e da ultraespañolista Vox.

Participación da ultradereita

Tamén denunciara que se trataba dunha “cazaría” que “parte da extrema dereita”, en alusión aos avogados que a acusaron, amais dunha asociación deste cariz e o propio Vox. A vítima da ex parella de Oltra chegou a afirmar en referencia a un destes letrados, José Luis Roberto, líder do fascista España 2000, que “sinto que me utilizaron e logo me deixaron tirada”.

Sen indicios

O motivo do arquivo da causa é “non terse xustificado a perpetración de delito algún”, sinala o xuíz Vicente Ríos. A pesar disto, a Audiencia Nacional española criticara a “instrución paraxudicial” do caso que atribuíu á Consellaría de Oltra.

Asemade, apunta que non hai “un só indicio de que se ditara orde ou instrución algunha emanada dos cargos directivos da Consellaría dirixida a ocultar os feitos nin a desacreditar a menor”, indicios que se “desvaneceron por completo” coas dilixencias.

Comentarios