Mónica Oltra renuncia como vicepresidenta da Generalitat valenciana

A vicepresidenta do Consell, Mónica Oltra, anunciou na tarde da terza feira que deixa o seu cargo no Goberno valenciano.
Mónica Oltra, chegando á reunión da Executiva de Compromís (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Mónica Oltra, chegando á reunión da Executiva de Compromís (Imaxe: Europa Press).

Mónica Oltra, entre bágoas, anunciou na tarde da terza feira que deixa o seu cargo no Goberno valenciano, tras a súa imputación no caso do presunto encubrimento dos abusos do seu ex marido a unha menor tutelada, cedendo así á presión pública.

Oltra compareceu acompañada polos dirixentes de cada partido da coalición –Àgueda Micó (Más), Juan Ponce (Verds) e Alberto Ibáñez (Iniciativa)– e sinalou que renuncia porque non quere que se deteñan as políticas do Executivo.

A até agora vicepresidenta foi crítica co PSPV e con Puig, a quen non comunicara a súa decisión. "Non vou dar a coartada ao PSOE para que o xefe do Consello expulse Compromís do goberno", salientou.

Precisamente, o resultado das eleccións andaluzas fixera crecer a presión sobre a ex vicepresidenta, co fin de que dimitise antes de que Puig a destituíse.

O pasado sábado Compromís fechara filas coa vicepresidenta da Generalitat valenciana nun acto criticado polo seu ton festivo no medio da crise política. O rexedor de Valencia, Joan Ribó, chegou a afirmar que o proxecto futuro do partido non podía levarse a cabo sen Oltra, e defendera que o seu traballo fora imprescindíbel.

O caso pasará "á historia da infamia"

O anuncio decorreu antes da reunión de ducias de cargos de Compromís nunha Executiva convocada desde hai semanas, antes da imputación.

Na mañá da terza feira fontes da formación explicaran que Oltra decidira ausentarse, un xesto que se interpretara como unha maneira de dar espazo aos seus compañeiros de partido para que debatesen libremente sobre o seu futuro político. Porén, minutos antes do inicio da reunión, apareceu sorrinte.

A vicepresidenta puxo de manifesto que non quere "que paren as máquinas políticas do Gobern do Botanic" nin "comprometer o proxecto político de Compromís" e considerou que a historia do caso "pasará á da infamia".

Comentarios