Opinión

O terremoto Mónica Oltra

A dimisión de Mónica Oltra do seu cargo de vicepresidenta do goberno valenciano é un auténtico terremoto político. Despois da súa imputación xudicial era evidente que Oltra non podía seguir no cargo pero ela negábase a crelo. Algúns dirixentes de Compromís en privado estaban de acordo pero por algunha razón a coalición decidiu fechar filas en público ao redor da súa líder e reconverteu un grande acto que xa tiña previsto en Valencia nunha grande exaltación da que foi a súa cabeza de lista.

Iso pasaba o sábado e a terza feira Oltra dimitía. O presidente Ximo Puig ameazou Compromís con botalos do goberno se Oltra non dimitía e, no sistema de partidos que por desgraza temos vixente, iso é unha ameaza moi seria. Ninguén quere quedar sen o cargo así que o adeus de Oltra fíxose inevitábel.

Oltra despediuse cunha inusual rolda de prensa onde se mostrou doída, duramente doída con Ximo Puig e o Partido Socialista. Chegou a dicir que se non te dobras ás políticas neoliberais eles acaban contigo, utilizando os xuíces e os xornalistas, aos que dedicou epítetos moi duros.

Inmediatamente despois Compromís nomeou á súa substituta, Aitana Mas e todo, aparentemente, seguiu o seu curso. A cuestión, con todo, é saber se esta reacción dura de Mónica Oltra contra o PSOE e contra o presidente Puig quedará nunha especie de rabecha pola situación persoal ou se os nacionalistas valencianos reformulan a súa relación co PSOE. E a súa dependencia, que este é ao final o problema central do PSOE.

Coa excepción da Galiza, María, que é onde o nacionalismo pasa por diante do PSOE e quere derrotalo, no resto dos nosos países o nacionalismo, sobre todo o de esquerdas, séntense como partidos menores, subordinados ao gran partido do réxime posfranquista, que é o socialista. A ver se a base de labazadas algún día chegan a aprender que sen derrotar o PSOE non haberá nunca un cambio democrático.

Comentarios