Arnaldo presentou a Casado o reitor da Universidade na que aprobou 12 materias en catro meses

O polémico xurista Enrique Arnaldo, vinculado con varios casos de corrupción do PP, foi nomeado onte novo membro do Tribunal Constitucional Español. Son tales os lazos que o unen con Pablo Casado que foi el quen o acompañou no despacho do antigo director do Centro de Estudos Superiores Cardenal Cisneros, onde aprobou en catro meses as 12 materias que lle restaban para se licenciar.

Enrique Arnaldo (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Enrique Arnaldo (Imaxe: Europa Press).

Aínda que con máis oposición da prevista, Enrique Arnaldo saíu na quinta feira elixido membro do Tribunal Constitucional español polo Congreso. Nove deputados do PSOE e un de Unidas Podemos votaron en contra do seu nomeamento.

Segundo publicou na noite da quinta feira a Caderna Ser, Arnaldo acompañou o xefe da oposición no despacho do antigo director do Centro de Estudos Superiores Cardenal Cisneros, adscrito á Universidade Complutense, onde aprobou en só catro meses as 12 materias que lle quedaban a Casado para se licenciar.

O encontro produciuse en 2004, após Pablo Casado abandonar a Universidade Pontificia de Comillas (coñecida como Icade), onde en 1999 comezara a carreira de Dereito, sen éxito.

A reunión, na que participou Arnaldo e un catedrático xa finado, confirmouna o ex director do centro Alberto Pérez de Vargas. No Cadernal Cisneros, Casado convalidou sete materias. Debía aprobar 18 das 25 totais, de maneira que o 70% da carreira puido sacala en só dous cursos, cando se trataba dunha titulación de cinco.

Cando Casado se presentou no citado centro de estudos superiores xa era asesor político a xornada completa de Alfredo Prada, ex conselleiro de Xustiza de Esperanza Aguirre.

Unha polémica que se suma ao caso Máster

Esta é a segunda polémica relacionada coa educación do líder do PP, que aprobara o mestrado de Dereito Público do Estado Autonómico na Universidade Rei Juan Carlos sen asistir a clase e cursando só catro das 22 materias grazas a outras convalidacións.

Catro traballos de non máis dun cento de folios en total servíronlle a Casado -que naquel momento era deputado autonómico en Madrid- para aprobar as materias non convalidadas.

O propio xefe da oposición no Estado español chegou a admitir que non tivera contacto ningún cos profesores do mestrado nin soubo quen eran. A propia Universidade non atopou os únicos catro traballos que Casado tivo que realizar para obter o seu título.

As forzas soberanistas non participaron da votación do Constitucional

Da votación dos novos membros do Tribunal Constitucional non tomaron parte as forzas soberanistas das nacións sen Estado. Explicouno onte o deputado do BNG, Néstor Rego, quen cargou contra o feito de que o Executivo dera luz verde a persoas "reaccionarias e corruptas".

“O PSOE leva máis de 40 anos no réxime de 1978 repartíndose o control do Poder Xudicial co PP”, puxo de manifesto, incidindo en que quen máis explicacións debe dar é, na súa opinión, Unidas Podemos polo aval a “unha candidata e un candidato impresentábeis desde o punto de vista democrático, que van contribuír a fortalecer ese carácter reaccionario e político do TC”.

Desde Unidas Podemos, o deputado galego Antón Gómez-Reino xustificou a votación ás propostas do PP advertindo de que "non queda outra" para desbloquear o "secuestro" ao que o PP, segundo fixo, tiña sometido o Tribunal Constitucional.

Comentarios