Ao límite a tregua entre Israel e Irán mentres todas as partes reclaman a vitoria

Edificio danado en Beerseba, no sur do territorio controlado polos sionistas, nun dos últimos ataques iranianos antes da entrada en vigor da tregua con Israel, o 24 de xuño de 2025. (Foto: Saeed Qaq / Zuma Press / ContactoFoto)
Benjamin Netanyahu desafía Donald Trump e ignora a exixencia de non lanzar novos ataques contra territorio iraniano.

Á hora do fechamento desta edición a terza feira, o fráxil cesamento do fogo entre Israel e Irán, anunciado horas antes polos Estados Unidos, que viñan de unirse á agresión sionista contra o Estado persa, mantíñase vixente após acusacións cruzadas de violacións da tregua entre ambas as partes.

11 días despois do ataque sorpresa israelí que desatou o conflito armado, efectuado 48 horas antes dunha nova rolda de negociación entre Washington e Tehran arredor do programa nuclear do país de Asia Occidental, as autoridades iranianas detallaron que 610 persoas morreron nos ataques aéreos sionistas, entre elas 13 crianzas e dúas mulleres embarazadas, e case 4.700 ficaron feridas.

Ademais de bombardear amplamente instalacións nucleares e militares, así como levar a cabo unha trintena de asasinatos selectivos de altos cargos militares e científicos nucleares en operacións case sen oposición sobre o territorio iraniano, Israel tamén danou ou destruíu sete hospitais, catro centros de saúde e nove ambulancias, matando cinco traballadores sanitarios.

Pola súa parte, no territorio controlado polo réxime israelí, producíronse 28 óbitos polas represalias iranianas, consistentes en lanzamentos sucesivos de mísiles, e máis de 1.300 persoas resultaron feridas.

Os contraataques apuntaron a obxectivos militares e científicos, e danaron un hospital, amais de paralizar a principal refinaría de petróleo israelí, causando interrupcións na subministración, en contestación aos ataques sionistas contra un xacemento de gas natural. Tamén esgotaron os mísiles das defensas aéreas israelís, un aspecto chave para que o Goberno de extrema dereita dirixido por Benjamin Netanyahu en Israel buscara acabar canto antes co conflito.

Logo de entrar en vigor o cesamento do fogo na madrugada, Israel culpou rapidamente Irán de violalo cun novo ataque, algo que Tehran negou acusando ao tempo os sionistas de non cumprir a tregua, e Israel anunciou unha nova vaga de bombardeos “con contundencia”.

"Non lances esas bombas"

Nese momento, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, subliñou que os dous estados incumpriron o pactado, facendo énfase en Israel, co que está “moi descontento” e ao que exixiu que “non lances esas bombas, se o fas será unha grave violación, devolve a casa os teus pilotos, agora!”.

Trump falou por teléfono con Netanyahu, e asegurou logo que “non atacaría” Irán e que “todos os avións darán a volta”. Aínda así, funcionarios israelís confirmaron que o primeiro ministro decidiu atacar un obxectivo en Tehran de forma “simbólica”, destruíndo un radar.

Como é habitual, todas as partes clamaron vitoria. Israel xustificou a fin das hostilidades en que cumpriron cos seus obxectivos declarados, desbaratar o programa nuclear iraniano e o seu programa de mísiles. No segundo aspecto, os lanzamentos até o último segundo de Irán o cuestionan, e no primeiro, Clara Broekaert, investigadora do Centro Soufan, deixa claro que “todo indica que o programa nuclear degradouse e non rematou”.

Asemade, os Estados Unidos gábanse tamén de ter acabado co programa nuclear iraniano e de ter limitado a súa participación na agresión, e Irán celebra ter resistido ao que considera a principal meta do ataque, a substitución da República Islámica por un réxime de cariz pro occidental.

En última instancia, “o que está claro é que quen están perdendo son os palestinos e as palestinas, e toda a rexión coa inestabilidade que xera”, “cústame moito dicir quen está gañando máis alá da industria armamentística”, sentencia a Nós Diario Dúnia Camps-Febrer, doutora en Políticas Públicas e Relacións Internacionais, profesora na Universitat Autònoma de Barcelona e investigadora no Centro Delàs de Estudos pola Paz. 56.000 palestinas e palestinos foron asasinados no xenocidio que perpetra Israel en Gaza desde outubro de 2023.

A docente pormenoriza que Trump “realmente non quere meterse tanto como a Israel lle gustaría”, e no réxime sionista sen o país americano “non poden seguir tampouco o ritmo [bélico] que lles gustaría”. Porén, apunta que a agresión “foi unha decisión de Netanyahu” na súa “fuxida cara adiante”, baseada sobre todo nun cálculo “persoal” para garantir a súa “supervivencia política”.

Sexa como for, detrás da guerra está “o dominio” da rexión, explica a este medio Waleed Saleh, doutor en Estudos Árabes e Islámicos e docente na Universidade Autónoma de Madrid, posto que “Israel quere ser a única potencia na rexión” e impedir que algún dos “países árabes e musulmáns próximos” poida rivalizar con eles, á vez que Irán busca “expandir a súa influencia especialmente por medio do xiísmo”. 

Neste contexto, “o único país que sae reforzado é Israel”, “grazas en primeiro lugar aos Estados Unidos”, incide Saleh, relatando os danos no programa nuclear e a morte da maioría “da primeira liña e eu diría da segunda tamén” da Garda Revolucionaria iraniana, e resolve que os sionistas sempre se benefician dos danos bélicos na rexión.

Un aviso para quen carece de armas atómicas

As negociacións entre os Estados Unidos e Irán que o ataque israelí freou perfilaban un acordo semellante ao que Trump rompeu en 2018, no que Irán se comprometería a manter o carácter civil –o único que admite querer– do seu programa nuclear a cambio da fin das sancións.

Antes da agresión isto estivo perto de fecharse, até que Israel convenceu Washington de exixir que Tehran teña que renunciar á enerxía nuclear civil tamén, algo que o país deixou claro que non pasará, e agora demanda ademais que acabe co seu programa de mísiles. Prevese que se a tregua se mantén as conversas se reactiven eventualmente.

Ao respecto, Camps-Febrer debulla que “as leccións que está sacando todo o mundo, e non só Irán, senón Turquía e moitos máis, é que sen armas nucleares pois che poden pasar estas cousas”, nun marco no que hai unha “crise total de lexitimidade dos que apelaban a este sistema internacional”.

En paralelo, Saleh atribúe a falta de apoios de Irán, “un proxecto sectario baseado nunha relixión”, a que hai países da rexión “contentos” polo acontecido “porque queren acabar co réxime iraniano, ou polo menos que teña unha forza menor”, sobre todo quen “estabilizou relacións con Israel”, e cunha Rusia que ficou de "espectador" polas boas relacións que ten cos dous.