Israel denuncia un ataque con mísiles desde Irán durante o armisticio: o exército iraniano nega que rachase o alto o fogo

Netanyahu advertira Irán co uso da forzo en caso de violar o acordo de cesamento do fogo.
Os equipos de emerxencia traballan no edificio destruído tras os ataques iranianos en Beer Sheva, Israel. (Foto: Ilia Yefimovich/dpa)
Os equipos de emerxencia traballan no edificio destruído tras os ataques iranianos en Beer Sheva, Israel. (Foto: Ilia Yefimovich/dpa)

O Exército de Israel asegurou esta terza feira ter detectado o lanzamento de "mísiles" desde Irán, pouco máis dunha hora despois de que o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, anunciase a entrada en vigor dun cesamento do fogo, sen que Teherán se pronunciase por agora sobre estes feitos.

"As Forzas de Defensa de Israel (FDI) identificaron que recentemente se lanzaron mísiles desde Irán cara ao territorio do Estado de Israel", indicou o Exército nun comunicado, no que destacou que "os sistemas de defensa están a traballar para interceptar a ameaza".

Así mesmo, reclamou á poboación que se dirixa aos refuxios e que permanezan alí "até novo aviso", despois de que se activaron as alertas no norte do país. "A defensa non é hermética, polo que deben seguir cumpríndose as instrucións do Mando Interno", resolveu.

Pola súa parte, as Forzas Armadas de Irán negaron as informacións sobre o lanzamento dun novo ataque contra Israel, como asegurou o exército dese país, acusando o país persa de violar o cesamento do fogo anunciado polo presidnete dos Estados Unidos a través da súa rede social Truth Social.

Tregua

Trump dixo a primeira hora desta terza que o acordo de cesamento do fogo está en vigor, mentres que o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, confirmou este extremo e destacou que a decisión foi adoptada ao considerar que "logrou os obxectivos" da súa ofensiva contra o país persa, á vez que advertiu de que "responderá con forza" no caso de que Irán lance novos ataques contra o seu territorio.

Pola súa parte, o ministro de Exteriores de Irán, Abbas Araqchi, negara a existencia dun acordo de cesamento do fogo con Israel e declarou que as autoridades iranianas tomarán unha decisión a este respecto "máis tarde", aínda que afirmou que "sempre que o réxime israelí cese a súa agresión ilegal contra o pobo iraniano, non hai intención de continuar coa nosa resposta".

O conflito estalou o 13 de xuño, cando Israel lanzou unha ofensiva militar contra o país centroasiático á que se sumou o domingo Estados Unidos cunha serie de bombardeos contra tres instalacións nucleares de Irán, que respondeu lanzando un ataque con mísiles contra unha base estadounidense en Qatar, para a que deu aviso previo a Washington e que se saldou sen vítimas.

Comentarios