Trump anuncia un acordo de "cesamento do fogo total" entre Irán e Israel
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, anunciou esta terza feira a entrada en vigor dun "cesamento do fogo" entre Israel e Irán e reclamou ás partes que "non o violen", despois de máis de dez días de conflito por mor da ofensiva militar lanzada polo Exército israelí.
"O cesamento do fogo xa está en vigor. Por favor, non o violen", manifestou o mandatario estadounidense na súa conta na plataforma social Truth Social, a través da cal informou horas antes sobre un acordo para "un cesamento do fogo completo e total" unha vez que ambos os países "completasen as súas misións en curso". "Nese momento, a guerra considerarase terminada", afirmou.
"Felicidades a todos! Acordouse entre Israel e Irán que haberá un completo e total cesamento do fogo en aproximadamente seis horas a partir de ahora, cuando Israel e Irán completen e conclúan as súas misións finais en curso, durante doce horas, momento no que a guerra se considerará terminada!", anunciou.
O inquilino da Casa Branca asegurou que será Irán quen "comezará" a tregua, seguindo os seus pasos Israel ao cabo de 12 horas e que á volta de 24, "o mundo saudará o fin oficial da guerra de 12 días". "Durante cada cesamento do fogo, o outro lado permanecerá en paz e respecto", agregou. "Supoñendo que todo funcione como debería, que así será", precisou, Trump avanzouse a felicitar ambos os dous países "por teren a resistencia, o valor e a intelixencia para terminar, o que debería chamarse 'a guerra de Doce Días'".
"Esta é unha guerra que podería durar anos, e ter destruído todo Oriente Próximo, pero non o fixo, e nunca o fará! Deus bendiga a Israel, Deus bendiga a Irán, Deus bendiga a Oriente Próximo, Deus bendiga os Estados Unidos de América e Deus bendiga o mundo!", concluíu.
Cesamento "ilimitado"
Posteriormente, nunha entrevista que concedeu á cadea de televisión NBC, Trump afirmou crer "que o cesamento do fogo é ilimitado". "Durará para sempre", asegurou, antes de descartar que Israel e Irán "volvan dispararse o un ao outro". O presidente estadounidense recoñeceu estar "moi contento de poder cumprir coa [súa] tarefa". "É un gran día para os Estados Unidos. É un gran día para Oriente Próximo. Moita xente morría, e a situación só ía empeorar. Derrubaría todo Oriente Próximo", declarou.
Pola súa parte, o vicepresidente, JD Vance, eloxiou ao mandatario nunha entrevista á cadea de televisión Fox News por conseguir que o pacto "chegase até a meta". "De feito, estabamos a traballar niso xusto cando saín da Casa Branca para vir aquí. Así que é unha boa noticia que o presidente lograse o obxectivo", declarou. "Irán é incapaz de construír unha arma nuclear co equipo que ten, porque o destruímos", engadiu.
O acordo anunciado por Trump poría fin aos ataques cruzados entre Israel e Irán iniciados polo exército israelí o pasado 13 de xuño. Este sábado, 21 de xuño, os Estados Unidos referendaron a estratexia de Israel e bombardearon as instalacións nucleares de Irán, que esta segunda feira respondeu cun ataque sobre bases estadounidenses en Qatar e no Iraq, previo aviso por parte das autoridades iranianas.
Incerteza
Co tempo cumprido para a entrada en vigor do cesamento do fogo, as 6 horas na Galiza, o ministro de Exteriores de Irán, Abbas Araqchi, negara a existencia dun cesamento do fogo acordado con Israel, e declarou que as autoridades iranianas tomarán unha decisión a este respecto "máis tarde", aínda que afirmou que "sempre que o réxime israelí cese a súa agresión ilegal contra o pobo iraniano, non hai intención de continuar coa nosa resposta".
Pola súa parte, o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, confirmou esta terza feira que o Goberno israelí aceptou un cesamento do fogo con Irán e destacou que a decisión foi adoptada ao considerar que "logrou os obxectivos" da súa ofensiva contra o país persa, se ben advertiu que "responderá con forza" no caso de que Irán lance novos ataques contra o seu territorio.
