A deputada no Parlamento da Unión Europea (UE) do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, desprázase esta fin de semana canda os seus homólogos Miguel Urbán (Anticapitalistas) e Idoia Villanueva (Podemos) á área fronteiriza de Rafah, cidade localizada no sur de Gaza, nos lindes con Exipto, amais de visitar o aeroporto de al Arish, polo que entran os convois de axuda humanitaria que obstaculiza Israel.
Miranda criticou que a “humanidade asiste impasíbel e coa complicidade de Occidente a un desastre humanitario en Gaza”, onde “máis de 30.000 persoas” foron asasinadas desde outubro pola agresión militar israelí, que deixou “máis de 70.000 feridas” e “aproximadamente dous millóns de persoas desprazadas”.
Asemade, denunciou o xenocidio en Gaza e os intentos israelís de acabar coa Axencia da Organización das Nacións Unidas para os refuxiados palestinos, á que acusou sen probas de participar nas operacións da resistencia, xusto o día no que a entidade anunciou que está nun "punto de ruptura" pola falta de fondos derivada do boicot dos aliados occidentais de Israel.