Alxeria chama a consultas o embaixador en Madrid polo apoio de España ao plan marroquí para o Sáhara

Visita de Sánchez a Alxeria en 2020 (Foto: Europa Press)

Fontes diplomáticas alxerinas criticaron esta "segunda traizón histórica", que ademais se produce no medio da crise enerxética.

"As autoridades alxerinas, sorprendidas por este brusco xiro da posición da antiga potencia administradora do Sáhara Occidental, decidiron convocar a consultas o seu embaixador en Madrid con efecto inmediato", publicou onte o Ministerio de Asuntos Exteriores alxerino nun comunicado.

"Estamos moi sorprendidos polas declaracións das autoridades españolas relativas á cuestión do Sáhara Occidental", engadiu o Ministerio.

Previamente fontes diplomáticas alxerinas criticaran a decisión do Goberno español de apoiar o plan de autonomía marroquí como solución para o conflito do Sáhara Occidental, un cambio de postura que consideran que "é a segunda traizón histórica ao pobo saharauí por parte de Madrid despois do funesto acordo de 1975".

Foi daquela, o 14 de novembro, que España cedía a antiga colonia do Sáhara Español a Marrocos e Mauritania, sen ter en conta a vontade da poboación saharauí. Segundo apuntou a fonte citada polo portal de noticias alxerino TSA, "finalmente Marrocos obtivo o que quería de España".

O Acordo de Madrid de 1975 foi inmediatamente denunciado pola Fronte Polisario, erixida en representante do pobo saharauí e que de inmediato proclamou a independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

As milicias da Fronte Polisario derrotaron as forzas mauritanas e Nuakchot renunciou á parte do Sáhara Occidental que se lle asignou no Acordo de Madrid, mais Marrocos, coa Marcha Verde, logrou impor o seu control sobre a parte costeira do territorio.

En 1991 Marrocos e a Polisario asinaron un cesamento do fogo con vistas á realización dun referendo de autodeterminación, mais as diferenzas sobre a elaboración do censo e a inclusión ou non dos colonos marroquís impediu até o día de hoxe a convocatoria da consulta, que apoia a ONU a través da Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (Minurso).

Segundo agravio de España a Alxeria

En canto á relación estritamente bilateral entre Alxeria e España, Alxer é o principal subministrador de gas natural á Península nun momento delicado como o actual no plano enerxético. Alxer rompeu relacións diplomáticas con Rabat o pasado agosto e en novembro procedeu á clausura do Gasoduto Magreb-Europa (GME) que bombeaba gas até a península Ibérica a través de Marrocos.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, falou o pasado 6 de marzo co presidente alxerino, Abdelmayid Tebune, quen reiterou non só o compromiso do seu país con garantir a subministración a España senón tamén a vontade de Alxeria de axudar no posíbel, como socio fiábel en materia enerxética que quere ser, aos europeos, segundo indicaron fontes gobernamentais.

O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, non quixo aclarar na sexta feira se Alxeria fora informada de antemán sobre o cambio de posición do Goberno, escudándose en que "a diplomacia require discreción", mais si se mostrou convencido de que non afectará á subministración de gas a España por parte deste país. "Alxeria demostrou repetidas veces que é un socio fiábel", sostivo, asegurando que mantén unha relación "fluída" co seu homólogo alxerino.

No entanto, este é o segundo 'agravio' de España a Alxeria en pouco máis dun mes despois de que a principios de febreiro anunciase que accedera á petición de Marrocos de axudar a garantir a súa seguridade enerxética mediante a regasificación en España de Gas Natural Licuado (GNL) comprado por Rabat para o seu posterior envío a este país mediante o gasoduto GME.

Entón, Alxer xa advertiu de que en ningún caso España podería facer chegar gas alxerino a Marrocos. Está por ver agora como reacciona o Goberno alxerino ante este xiro, que por contra foi moi celebrado por Marrocos e que dá por superada a crise diplomática que desencadeou hai case un ano a acollida en España por motivos humanitarios do líder da Polisario, Brahim Ghali.

Polisario

Pola súa parte, a Polisario expuxo a súa postura nas redes sociais: "A posición do Goberno de Pedro Sánchez está absolutamente en contradición coa lexitimidade, a ONU, a Unión Africana, a Unión Europea, a Corte Internacional de Xustiza e a Corte Europea de Xustiza. Ningunha recoñece a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental".

"É España xunto a Francia quen trazaron no seu día as fronteiras entre o Sáhara Occidental e os seus tres veciños, Marrocos, Alxeria e Mauritania; ten xa que logo máis responsabilidades xurídicas e políticas que outros na defensa das fronteiras internacionais recoñecidas", apuntaron nun fío na súa conta de Twitter.