O Consello de Estado alerta da falta de mecanismos de control no decreto dos fondos europeos

O decreto do Goberno español aprobado polo Congreso para a administración dos fondos europeos de recuperación recibiu a opinión "favorábel" do Consello do Estado, pese a que PP e Cs dicían que o seu ditame sería "demoledor". Porén, o Consello é crítico e alerta da falla dun mecanismo de control sobre os fondos que prevé o decreto.
O decreto do Executivo de Pedro Sánchez busca "eliminar trabas" e axilizar a xestión dos fondos da UE (Foto: Moncloa / Borja Puig De La Bellacasa)
photo_camera O decreto do Executivo de Pedro Sánchez busca "eliminar trabas" e axilizar a xestión dos fondos da UE (Foto: Moncloa / Borja Puig De La Bellacasa)

O Consello de Estado comunicou a súa "preocupación” ante a “eliminación ou modulación de mecanismos de control en materias tan sensíbeis como a contratación administrativa, os convenios administrativos ou as subvencións", levada a cabo polo Goberno español no decreto sobre a administración dos fondos europeos de recuperación. 

Así figura no informe realizado pola Comisión Permanente do Consello de Estado, a 21 de decembro. No ditame examínase o expediente relativo ao proxecto de Real Decreto polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración Pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O decreto foi validado o 28 de xaneiro polo Congreso, nun pleno en que o PP acusou o Goberno de ocultar o informe do Consello de Estado. Este organismo fíxoo público esta segunda feira, 1 de marzo, coa advertencia de que se deben implementar "todas as medidas precisas para garantir unha adecuada e eficiente asignación dos recursos procedentes dos fondos europeos". 

O informe recoñece que o decreto do Goberno "merece no seu conxunto unha opinión favorábel”, mais reprocha que permita que a tramitación de proxectos presentados continúe aínda no caso de que os informes preceptivos non se cheguen a emitir no prazo previsto.

Por iso, o Consello opina que o convenio non se debería realizar mentres non se emitan os informes preceptivos. Nese sentido, ve preferíbel mesmo reducir o número de informes exixidos antes que mantelos todos cunha formulación pouco clara.

"O que non parece acertado é que a simplificación de trámites se acompañe, necesariamente e en todo caso, dunha significativa redución dos diferentes mecanismos de control previstos no ordenamento para garantir unha recta asignación dos fondos recibidos, conforme a dereito e axustada ao marco orzamentario, parecendo a este Consello máis razoábel que, con carácter xeral, a reforma se centre nunha simplificación e axilización dos aspectos procedimentais", explica o ditame.

Comentarios