Alemaña anuncia que volverá aceptar inmigrantes chegados a Malta e Italia

A Comisión Europea presentará este mes a reforma do pacto de Emigración e Asilo. Os Estados con fronteiras marítimas exteriores exixen cotas de reparto.
EuropaPress_3186934_10_june_2020_berlin_germanys_interior_minister_horst_seehofer_gestures
photo_camera O ministro de Interior alemán, Horst Seehofer (Fabrizio Bensch / dpa)

O Goberno de Alemania anunciou onte que volverá autorizar o traslado a territorio alemán de persoas inmigrantes e refuxiadas que sexan rescatadas no mar Mediterráneo e cheguen a Italia e Malta, despois de dar por superada a pausa que adoptou nestes últimos meses pola pandemia de coronavirus.

"O feito de que haxa un parón débese simplemente ao desenvolvemento da pandemia", manifestou o ministro de Interior, Horst Seehofer, que evitou aclarar cantas persoas estaría disposta a acoller o país xermano, alegando que as conversas aínda están en marcha. Si aclarou que a oferta inclúe as persoas rescatadas recentemente polos barcos Alan Kurdi e Aita Mari.

Malta permitiu na pasada fin de semana o desembarco de máis de 400 inmigrantes e refuxiados rescatados no Mediterráneo, despois de que, alegando razóns de saúde pública, as autoridades os deixasen varias semanas atrapados en ferris contratados ex profeso para evitar que tocasen terra.

Luxemburgo, Francia e Portugal xa mostraron as súas disposición para acoller estas persoas, que chegan por mar á UE fuxindo da situación socioeconómica ou de conflito bélico nos seus países, despois de tanto Italia como Malta imporen medidas máis restritivas con motivo da pandemia.

Cotas de reparto

Ao longo deste mes de xuño, está previsto que a Comisión Europea presente a reforma do pacto de Emigración e Asilo. Os Estados con fronteiras marítimas exteriores da UE e aos que chega un alto número de migrantes fuxindo de África, Chipre, España, Grecia, Italia e Malta, exixen unhas cotas obrigatoria de reparto entre todos os membros. Porén, a maioría dos países europeos do centro e do leste son reticentes.

Comentarios