Activistas de máis de corenta países unen forzas na Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos en Porto Alegre

Na xuntanza participou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos en Porto Alegre, este domingo. (Foto: Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos)
Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos en Porto Alegre, este domingo. (Foto: Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos)

Miles de activistas de máis de corenta países, entre eles a eurodeputada do BNGAna Miranda, dos cinco continentes participaron este domingo na Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos en Porto Alegre (Brasil). Unha conferencia que buscou avanzar na organización “da resistencia e a loita contra as diversas formas de fascismo, a extrema dereita e o imperialismo na súa fase máis agresiva”.

A conferencia puxo o foco “nas ameazas fascistas e neoliberais”, que segundo apuntaron, en cada país” adoptan formas particulares”, tendo puntos en común: “a eliminación das liberdades democráticas; a destrución dos dereitos laborais; o aumento do desemprego estrutural; o desmantelamento da seguridade social; a represión contra as organizacións sindicais e populares; a privatización dos servizos públicos; políticas de austeridade que eliminan toda investimento social; o negacionismo científico e climático; a expropiación dos campesiños en beneficio da agroindustria; o desprazamento forzado dos pobos orixinarios para promover un extractivismo desenfreado; políticas migratorias ultra restritivas, e un enorme aumento do gasto militar”.

Alén da resistencia ao fascismo e ao imperialismo, as persoas participantes apuntaron a construír as bases para avanzar “nas nosas converxencias sobre aspectos centrais e unitarios”. Neste senso, consideraron que para combater “o autoritarismo é necesario recuperar, ampliar e profundar os dereitos democráticos sobre a base da participación popular, desde o local ata o nacional e nos organismos internacionais”.

A Conferencia Antifascista pola Soberanía dos Pobos comprometeuse “a continuar a loita sen descanso e a constituírse como un espazo de construción de unidade fronte ao ascenso da extrema dereita e as agresións imperialistas. Fronte á barbarie, levantamos a bandeira da solidariedade internacional, da loita dos pobos e dun futuro socialista, ecolóxico, democrático, feminista e antirracista”.

A eurodeputada galega tomou a palabra na mesa redonda “Papel e límites da acción institucional na loita democrática”, na que tamén interveu o eurodeputado portugués Joao Oliveira, entre outros representantes de distintas forzas políticas. “Levo a Porto Alegre a voz antifascista e antiimperialista do BNG”, manifestou Miranda, quen considera que alzar a voz contra as agresións imperialistas, contra os xenocidios e os intentos de que retrocedan os dereitos humanos “é unha obriga”.

Comentarios