23 anos do referendo de autodeterminación do primeiro novo Estado do século XXI
Un 30 de agosto, pero de 1999, Timor Leste acolleu un referendo de autodeterminación para converterse nun Estado soberano. O país, antiga colonia portuguesa, acadara a súa independencia após a Revolución dos Cravos, en 1974, pero ese mesmo ano foi invadida por militares indonesios, comandados polo ditador Suharto e coa conivencia dos Estados Unidos.
Durante a ocupación, o exército de Indonesia bombardeou e masacrou decenas de aldeas e vilas que se opuxeran a integrarse no país asiático. Os indonesios empregaron toneladas de napalm contra a poboación civil e nos bosques de Timor Leste, eliminando unha grande parte da masa arbórea do país invadido.
Durante a década dos 80 e comezos dos 90, foron varios os episodios de represión policial contra os habitantes de Timor Leste. Segundo a Comisión de Recepción, Verdade e Reconciliación en Timor Leste (CAVR), o exército de Suharto fixo uso de avións e bombas incendiarias subministradas pola administración estadounidense para reprimir o movemento independentista.
En 1996, a obtención do Premio Nobel da Paz por parte do bispo Carlos Felipe Ximenes Belo e avogado e político José Ramos-Horta deu un carácter mediático e mundial á exixencias de Timor Leste.
Referendo de autodeterminación
O 5 de marzo de 1999, os gobernos de Portugal e Indonesia comezaron a negociar a realización dunha consulta popular, que recibiu as críticas do sector máis extremista e militarizado do Executivo indonesio.
Pese a que nos meses previos á que o referendo tivese lugar grupos paramilitares apoiados polo sector contrario á consulta exerceron represión contra a poboación de Timor Leste, o 30 de agosto de 1999 98% da poboación acudiu ás urnas para decidir o futuro do seu país.
O resultado, cun apoio á independencia de 78%, deixou claro o desexo de Timor Leste de ser un Estado independente. Porén, a reacción autoritaria de Indonesia contra todos aqueles que votaron a favor no referendo levou a Nacións Unidas (ONU) a entrar no país en setembro de 1999, atopándose cidades e vilas totalmente derruídas e milleiros de persoas asasinadas e tiradas nas rúas.