2023 xa é o ano con máis mortes no Mediterráneo central desde 2017: "Italia impide as actividades de busca e rescate"

Máis de 2.400 migrantes morreron no mar neste exercicio.
A líder italiana Giorgia Meloni. (Foto: Roberto Monaldo / LaPresse via ZUM / DPA)
photo_camera A líder italiana Giorgia Meloni. (Foto: Roberto Monaldo / LaPresse via ZUM / DPA)

Case 2.200 persoas migrantes morreron ou desapareceron en 2023 tratando de chegar a Europa pola ruta do mar Mediterráneo central, a máis utilizada, revelou un informe publicado hoxe por Médicos Sen Fronteiras, que incide en que este ano xa se converteu no máis mortífero desde 2017.

O mesmo acontece en todas as rutas que cruzan este mar, corroboran os datos da Organización Internacional para as Migracións, que reportan 2.480 mortes en total neste exercicio. Até 28.229 persoas perderon a vida desde 2014.

O documento refire que “fomos testemuñas do baleiro mortal deixado pola Unión Europea e os seus Estados membros ao deter ou impedir as actividades de busca e rescate no Mediterráneo central”, criticando especialmente o Goberno de extrema dereita italiano.

O Executivo de Roma chegou a bloquear xudicialmente seis buques de rescate de entidades non gobernamentais por infrinxir unha normativa que dificulta a súa actuación. O Geo Barents, un buque fretado por Médicos Sen Fronteiras, tivo que perder 70 días de navegación só para chegar a portos moi afastados das zonas de rescate, ao que obriga a norma italiana, e despois regresar, aumentando o risco para as persoas migrantes.

Comentarios