2020 foi o ano con máis mortes no Estado nun século

O informe sobre indicadores demográficos básicos de 2020 do INE permite comprobar o impacto da pandemia da COVID-19 nas estatísticas de poboación, marcando récords como o menor número de nacementos desde que comezou a serie histórica en 1941.
Traslado de falecidos nunha residencia de Madrid en abril de 2020, durante o comezo da pandemia. (Foto: Ángel Díaz Briñas / Europa Press)
photo_camera Traslado de falecidos nunha residencia de Madrid en abril de 2020, durante o comezo da pandemia. (Foto: Ángel Díaz Briñas / Europa Press)

492.930 persoas morreron no Estado español en 2020, o número máis alto rexistrado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) desde 1920, en lugares como a Comunidade de Madrid, a variación do número de defuncións con respecto a 2019 alcanza o 41,2% no ano de irrupción da pandemia derivada da Covid-19.

Ademais da rexión madrileña, no seu informe sobre indicadores demográficos básicos, o organismo informa que superan o 20% de variación anual do número de mortes territorios como Castela-A Mancha (32,3%), Castela e León (26%), Catalunya (23,5%), Aragón (22,5%), Melilla (22,4%) e Ceuta (20,9%). O incremento de defuncións no Estado foi do 17,7%.

En cambio, no que atinxe ás defuncións por cada 1.000 habitantes o ano pasado, Castela  e León é a peor parada, cun 15,1%, seguida de Asturies (14,3%) e Castela -A Mancha (12,6%). Galiza é o sexto territorio do Estado con maior taxa bruta de mortalidade por cada 1.000 habitantes, cun 12,3% de defuncións.

Tamén foi un fito o número de nacementos, desde que esta serie histórica de datos comezou a rexistrarse en 1941, 2020 é o ano con menos persoas nadas no Estado, 339.206. Desde 2010 esta cifra reduciuse nun 30,3%.

Nesta liña, aumentou unha décima a idade media de entrada á maternidade, até os 32,3 anos, mentres que a mortalidade infantil mantense practicamente no mesmo nivel desde 2013, cunha taxa de 2,66 mortes por cada 1.000 nacementos.

Matrimonios

Outra das conclusións que revela o informe do INE é a caída dos matrimonios, os 90.416 enlaces de 2020 supoñen unha baixada do 45,7% con respecto a 2019. Amais, a idade media dos contraentes superou por primeira vez os 40 anos nos homes (40,4 anos), nas mulleres situouse en 37,4 anos. Asemade, indica que os matrimonios practicados baixo o rito católico continúan o seu abrupto descenso, pasando dos 70.000 en 2010 a menos de 10.000 en 2020, por debaixo do 12% dos enlaces totais.

A Galiza é o terceiro territorio con maior esperanza de vida ao nacer

O informe que fixo público esta quinta feira o INE apunta que a Galiza é o terceiro territorio do Estado con maior esperanza de vida ao nacer, con 83,3 anos, só unha décima por detrás das Illes Balears e Nafarroa, con 83,4.

Porén, tamén ocupa esa mesma praza na táboa de crecemento vexetativo negativo con 17.610 persoas menos en 2020 que no exercicio anterior, só superada por Castela e León (22.543 persoas menos) e Catalunya (21.659 persoas menos). Todo isto sen ter en conta a emigración, nesta estatística só se rexistra o número de nacementos menos o de defuncións.

No número de mortes, 32.822 persoas faleceron en 2020 na Galiza, o que supuxo un incremento dun 5% en comparación co ano anterior, a taxa máis baixa do Estado despois da de Canarias (4,2%).

Comentarios