Os últimos datos do INE seguen apuntando unha forte fenda salarial

Outro ano máis, neste caso de 2018, os datos oficiais remarcan que a fenda salarial continúa a ser unha das maiores eivas do noso mercado laboral. Outra sería a diferenza de soldos segundo o posto no que se traballe. Este último aspecto chega a distorsionar de maneira evidente a media dos ingresos que entran nos fogares. 
Traballadora (Arxina)
photo_camera Traballadora (Arxina)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) deu a coñecer esta quinta feira os resultados definitivos da Enquisa de Estrutura Salarial (EES) referidos ao ano 2018. Segundo este organismo, os datos sinalan que o soldo medio anual subiu 3% en 2018 na Galiza en relación co ano anterior, até alcanzar os 22.244,59 euros, a cifra máis elevada polo menos desde 2008. O salario medio anual a nivel do Estado español sería máis elevado e chegaría aos 24.009,12 euros por traballadora ou traballador no ano 2018, o que significaría 1,5% máis que o ano anterior. 

A enquisa deste organismo segue a reflectir a evidente desigualdade en salarios que existe entre mulleres e homes. Os datos indican que, malia ascender un 3,8% en relación ao ano anterior, as mulleres cobran 19.543,17 cando os homes, cun aumento de 2,1%, cobran 24.826,91 euros de media. Unha diferenza de 5.283 euros (21,8%) que equivalería a dous meses e medio de soldo.

Redución mínima na fenda salarial

A redución salarial na fenda foi mínima. A nivel estatal os salarios das mulleres creceron a maior ritmo (2%) que os dos homes (1,3%). Así, a ganancia media anual dos homes foi de 26.738 euros ao ano, mentres que a das mulleres supuxo 78,6% desta contía, con 21.011,89 euros, 21,4% menos que a dos homes. 

Esta diferenza de salarios redúcese se se consideran situacións similares como o tipo de contrato ou a ocupación. Se se compara a ganancia ordinaria por hora traballada, a diferenza salarial entre mulleres e homes é de 11,3%, fronte a 14% existente en 2014 e 15,3% de 2010. A enquisa tamén pon en evidencia que o número de mulleres que gañaron menos de 16.000 euros en 2018 foi maior que o de homes. A partir desta cifra, o número de mulleres que percibiu cada nivel salarial foi sempre inferior ao dos homes con ese mesmo salario.

Enerxía, soldos altos, e a hostalaría, os máis baixos

As actividades económicas con menor remuneración salarial en 2018 a nivel estatal foron a hostalaría (14.345 euros), outros servizos (16.374 euros) e actividades administrativas e servizos auxiliares (17.176 euros). Pola contra os sectores con maior salarios foron a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (51.237 euros), actividades financeiras e de seguros (45.034 euros), industrias extractivas (33.990 euros), información e comunicacións (33.117 euros) e Administración Pública (29.824 euros).

Relacionado con este dato está que os salarios máis altos figuran nas direccións e xerencias que presentaron en 2018 un salario anual de 54.341 euros, o que representa unha retribución 126,3% superior á media. Pola contra, os salarios máis baixos son para as traballadoras e traballadores de ocupacións elementais, con 15.163 euros anuais, e para o persoal dos servizos de restauración e comercio, con 17.047 euros.

Na comparativa co ano anterior, o salario medio aumentou en todas as actividades menos en información e comunicacións, onde baixou 1,6%; subministración de enerxía (-1,5%); hostalaría (-1,3%) e actividades inmobiliarias (-0,2%). Os maiores aumentos salariais viñeron da man das actividades artísticas e de entretemento (+4,6%) e industrias extractivas (+4,4%). Alén diso, a enquisa rebela que as traballadoras e os traballadores a tempo completo tiveron un salario medio de 28.070,00 euros, 2,6% superior ao ano anterior. Pola súa banda, o salario a tempo parcial aumentou 4,6%, até os 11.171,49 euros.

Os soldos máis altos en Euskal Herria 

Na listaxe de territorios do Estado español con maiores soldos Eukal Herria mantén o primeiro posto en salarios altos con Euskadi á cabeza (28.470,9 euros anuais) e Nafarroa en terceiro lugar (26.364,7 euros). Pola contra os salarios son os de Estremadura (19.947,8 euros). Galiza estaría en décima posición.

Comentarios