Maduro construirá o seu liderado sobre o apelo á unidade do movemento bolivariano

A unidade das forzas revolucionarias e patrióticas é a nova palabra de orde en Caracas o día despois do falecimento de Hugo Chávez. Non só en beizos dos dirixentes venezolanos, tamén no de ilustres visitantes, como o líder boliviano Evo Morales. Maduro, xa ao mando, construirá o seu liderado sobre o apelo á integración de todas as correntes bolivarianas.
Hugo Chávez Frías
photo_camera Hugo Chávez Frías

Morales, ben como a arxentina Cristina Kirchner ou o uruguaio José Mújica, fai parte da avanzadilla de estadistas latinoamericanos que se deslocaron a Cáracas para asistiren aos funerais polo líder bolivariano, que se realizarán esta sexta feira, embora xa hoxe terá lugar o traslado dos seus restos mortais á Academia Militar nun acto que se prevé multitudinario.

Á súa chegada a Caracas, Morales sumouse á palabra de orde bolivariana: a da unidade. Argumentou que a mellor homenaxe que se lle pdoe render ao "irmá e compañeiro" Chávez é "unidade, unidade, unidade".

Esta mensaxe xa a asinara o propio Chávez na súa última comparecencia televisiva perante o pobo de Venezuela, en Decembro de 2012, pouco antes de se deslocar a Cuba para ser intervido por cuarta vez do cancro que finalmente acabou coa súa vida.

Naquel discurso, Chávez advertiu ao seu pobo de que "os inimigos do país" non descansan e que tentarían tirar proveito dos seus problemas de saúde, fomentando a división interna no seo do movemento revolucionario.

"Cal debe ser a nosa resposta? Unidade, unidade, unidade", respondeu enfático, antes de citar unha das súas frases favoritas de Simón Bolívar: "Unámonos ou a anarquía hanos devorar".

Foi precisamente nesa alocución televisiva cando Chávez formalizou a súa aposta por que Maduro asumise o mando da Revolución na eventualidade de el faltar. As ordes do líder foron obedecidas e Maduro ten nas súas mans as rédeas do poder, co apoio do Exército. En apenas 30 días enfrentará unhas eleccións con Henrique Capriles, o líder da dereita, como adversario. Capriles, nun calculado xesto pre-eleitoral, chamou hoxe á unidade nacional, após expresar as súas condoenzas polo desaparecimento do presidente da República.

Comentarios