'Muro popular' de cent@s de veciñ@s en Ondarroa para evitar a detención dunha moza independentista

A alameda da vila mariñeira bizkaitarra acolle as 24 horas do día a ducias e ducias de persoas que rodean á súa veciña Urtza Alkorta,para evitar a detención desta moza, que foi condenada a 5 anos de prisión 

Ondarroa

Ondarroa é unha vila mariñeira duns 10.000 habitantes. A derradeira de Bizkaia antes de entrar en Gipuzkoa. Coñécena ben as ducias de galegos (principalmente do Barbanza e Costa da Morte) que traballaron alí na costeira do bocareu.

Ondarroa é unha vila moi nacionalista. Un feudo tradicional da esquerda abertzale. Foi ocupada en máis dunha ocasión tanto pola Garda Civil como polo Ertzantza, dependendo das épocas, para poñer fin a conflictos ben de carácter político ou laboral. É un porto pesqueiro onde se traballaba duro,moi duro, no mar. Nas épocas boas os mariñeiros txikiteábase a champán. Nas épocas malas tragábase salseiro.

A rede de solidariedade con Urtza foise tecendo coa firmeza que só hai nos portos pesqueiros, coma os cabos dos barcos da costeira. A ver quen é o listo que os desfai

Kartzelak hustutzeko garaia (É tempo de baleirar as cadeas)

En Ondarroa está Urtza Alkorta, unha moza independentista condenada pola xustiza española a cinco anos de prisión por, apuntan, colaborar con ETA. Mais Urtza aínda non puido ser detida malia non estar escondida, nin fuxida nin agachada. Todo o contrario.

Urtza está as 24 horas do día na Alameda de Ondarroa, un dos puntos máis céntricos desta vila pesqueira.Mais a Ertzaintza non é quen de detela. Porque por volta de 200 veciños están as 24 horas con ela, mesmo pola noite, acampando en 50 tendas de campaña.

Fan quendas, relevos. Mais sempre hai por volta de 150/200 veciñ@s ondarrutarras de todas as idades facendo o que xa se coñece como muro popular en torno a esta moza. E aí seguen. Solidari@s. Téñeno claro e exprésano na palabra de orde desta concentración: non é tempo de máis detencións. Kartzelak hustutzeko garaia (É tempo de baleirar as cadeas)

Comentarios