BNG exixe ao goberno español que se implique de vez na defensa dos dereitos do pobo saharauí
Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, rexistrou unha iniciativa parlamentar pola cal demanda ao goberno "un papel máis activo na exixencia a Marrocos de que respecte os dereitos humanos e fundamentais do pobo saharauí". A parlamentar nacionalista solicita, nesta liña, a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores para que explique "se o Estado español vai asumir un rol máis activo na necesaria resolución do conflicto do Sáhara Occidental ocupado por Marrocos, e quere saber se fixo xestións perante as autoridades marroquís pola expulsión de cidadáns de nacionalidade española dos territorios ocupados".
A deputada nacionalista mostra a solidariedade e apoio do BNG co pobo saharauí e a loita pola súa autodeterminación.
Rosana Pérez refírese na iniciativa parlamentar á recente visita do Enviado Persoal do Secretario Xeral da ONU para o Sáhara, Christopher Ross, aos campamentos de refuxiados saharauís. “Sabe o goberno que o representante da ONU expresou a necesidade de reactivar o proceso de negociación para acadar unha solución que poña fin ao conflicto no Sáhara?”.
"Non podemos ser alleos á situación deste pobo"
Para a deputada nacionalista “o Estado español non pode ser alleo" á situación pésima pola que atravesa o pobo saharauí, desprovisto de dereitos, e que padece unha brutal represión por parte de Marrocos". O Estado español, como pais colonizador, afirma, é corresponsábel do actual estado de cousas e como tal debe ter un papel máis activo e intermediar para que haxa un referendo libre e imparcial sobre o dereito de autodeterminación do pobo saharauí.