Sermos Galiza amplía a súa paxinación para diversificar contidos e reforzar o seu perfil de imprensa alternativa

Fiel ao seu compromiso coa información libre, alternativa e en galego, o semanario Sermos Galiza vai ampliar a súa paxinación a partir do número 88, o que sairá do prelo o 13 de Marzo.

sermos
photo_camera Capa do Sermos Galiza

Sermos Galiza será máis e polo mesmo prezo. Máis páxinas -pasará das 32 actuais a 40-, máis contidos, máis seccións, máis información e máis análise. E todo iso coa intención de facer aínda máis patente a súa vocación de prestar voz a aqueles sectores sociais que non a teñen na imprensa convencional.

Nun momento infelizmente caracterizado polos recortes en todos os ámbitos, Sermos Galiza dobra, pois, a súa aposta, consciente de que hoxe é máis necesario do que nunca reforzar o espazo nacional galego de comunicación, val dicer, termos unha visión propia de todos os acontecimentos, desde a esfera nacional galega até a internacional.

No Sermos Galiza a 40 páxinas haberá máis espazo para seccións como Traballo -básicas nun medio alternativo, e inexistentes na imprensa sistémica- e máis marxe tamén para tratar en profundidade os temas que non son gratos aos poderes. Aparecerán novas seccións -Cociña-, retornarán outras -Deseño- e se estabilizará a páxina de deportes, que nestes meses de andaina tivo unha existencia intermitente.

No Sermos Galiza a 40 páxinas haberá máis espazo para seccións como Traballo e máis marxe tamén para tratar en profundidade os temas que non son gratos aos poderes

Información e análise: a sección Pensamento será unha das máis relevantes neste Sermos Galiza a 40 páxinas. Pensamento nacional e internacional, sempre en chave alternativa. Pensamento moi virado tamén cara á lusofonía, cara ás outras latitudes en que a nosa lingua se desenvolve.

Xornalismo de investigación

Haberá tamén xornalismo de investigación no Sermos Galiza a 40 páxinas: o que fica oculto ha de emerxer no semanario. Esa é a vocación que deu vida a este medio xa logo vai para 2 anos e esa vocación non fixo máis que se acrecentar durante este tempo.

E, por suposto, a cultura. O traballo dos nosos criadores está permanentemente no albo de Sermos Galiza. Con máis páxinas, o semanario procurará ser aínda máis trinque daquilo que se produce no noso país -literatura, música, pintura...- e na nosa lingua, aquilo que nos fai sermos o que somos, Sermos Galiza.

Comentarios