O úLTIMO MOVIMENTO DA XUíZA APUNTA A UNHA EVENTUAL IMPUTACIóN DA CONSELLEIRA

A Operación Zeta pon o foco en Beatriz Mato

Se unha xuíz se dirixe a un goberno para saber se unha conselleira fai parte del, é que estamos ante a máis que probábel imputación desa persoa. No mínimo iso é o que afirman as fontes xurídicas consultadas por Sermos Galiza. A xuíza tamén pon baixo sospeita os negocios de Pachi Lucas, o amigo íntimo de Feijóo, e pide información á unidade de delincuencia económica da policía.

Beatriz Mato [Imaxe Xunta]
photo_camera Beatriz Mato e Díaz López [Imaxe Xunta]

 

O Xulgado de Instrución número 6 da Coruña emitiu este 23 de febreiro unha providencia en relación á operación Zeta, a trama presuntamente corrupta arredor dos cursos de formación. A xuíza interésase por Beatriz Mato e tamén por Pachi Lucas, amigo íntimo de Feijóo e suposto "conseguidor" da rede que tería urdido o empresario Gerardo Crespo.

Na providencia, á que tivo acceso Sermos Galiza, e que foi notificada o 2 de marzo, a xuíza María Jesús García García ordena que se remita oficio á Xunta de Galiza "a fin de que certifiquen se Beatriz Mato Otero e Ana María Díaz López" ocupan cargo algún ou, no seu defeito, o ocuparon entre os anos "2008 e 2012, con indicación da toma de posesión e cesamento".

Beatriz Mato é a conselleira de Traballo e Benestar e Ana María Díaz López é a directora xeral de Emprego e Formación.

A Operación Zeta é presuntamente unha trama que obtiña fondos públicos a cambio en teoría da realización de cursos de formación, que ou ben non se impartían ou ben se facían de forma irregular.

Segundo fontes da investigación, a rede, que presuntamente dirixía o empresario coruñés Gerardo Crespo, facturou até 20 millóns de euros de 2008 a 2012 (15 millóns da Xunta de Galiza e 5 da Administración central). Gerardo Crespo aínda está pendente de ir ao xulgado a emprestar declaración.

Na eventualidade de aprezar finalmente indicios de delito, a xuíza daría traslado do asunto ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, sendo que Bea Mato é aforada

A xuíza quer agora ter toda a información sobre as "subvencións e axudas concedidas durante o período 2008-2012", para o que demanda que se lle remita "certificación coa referencia de cada subvención concedida, departamento concedente, autoridade ou funcionario concedente da subvención e o responsábel do seguimento e inspección da subvención unha vez concedida".

Fontes xurídicas consultadas por Sermos Galiza apuntan a que a aparición dos nomes de Beatriz Mato e Ana María Díaz López nesta providencia podería ser o paso previo para a súa imputación.

A xuíza estaría recollendo información sobre estas persoas. No caso da conselleira, e sendo que é aforada, na eventualidade de aprezar finalmente indicios de delito daría traslado do asunto ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a instancia xudicial competente para imputar a integrante do goberno Feijóo.

Na hipótese máis favorábel para Mato e Díaz López, a xuíza só estaría interesada en as chamar como testemuñas.

A maxistrada tamén quer saber saber se Francisco Ramón Lucas Blanco ocupa ou ocupou cargo público algún entre 2008 e 2012, e para iso remite oficio ao Ministerio de Administracións Públicas e á Xunta da Galiza.

A xuíza pide á Unidade Central de Delincuencia Económica e Social da Policía que informe sobre as empresas que puidese ter ao seu nome Pachi Lucas

Francisco Ramón Lucas Blanco é un empresario madrileño máis coñecido como Pachi Lucas e, segundo fontes da investigación, era o conseguidor da trama orquestrada por Gerardo Crespo, isto é, a persoa que conseguía contratos das Administracións públicas dada a súa cercanía a persoas relevantes do Partido Popular, entre elas sinaladamente Alberto Núñez Feijóo, do que é amigo íntimo.

Gerardo Crespo ten declarado que até agora Pachi Lucas non ten sido imputado polo vínculo que o une a Feijóo.

Segundo as afirmacións de Crespo, o conseguidor tería conectado a trama coas máis altas instancias do PP, até o ponto de a colocar a un paso de entrar no despacho de Rajoy na Moncloa.

Sobre Pachi Lucas, a xuíza dá un paso máis e pide que se remita oficio á Udef, a Unidade Central de Delincuencia Económica e Social da Policía, "a fin de que informe sobre as empresas que puidese ter ao seu nome Francisco Ramón Lucas Blanco".

Comentarios