O conselleiro máis deostado pola súa política anti-galega, na ofrenda floral a Castelao

Unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres vai ser a homenaxe á memoria de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao que realizará esta mesma tarde o Goberno galego con motivo do 63 cabodano do autor do Sempre en Galiza.

Quen a oficiará será o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, o membro do Goberno galego máis claramente identificado coa política contraria á normalización da nosa lingua que promove a Administración galega desde a restauración do poder conservador, en 2009.

A xulgar pola oposición política en Galiza no seu conxunto, o conselleiro de Educación e Cultura debería de ter abandonado as súas responsabilidades públicas logo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ter anulado os artigos chave do coñecido como decreto da vergoña contra a lingua galega. Lonxe de ter demitido, Vázquez foi confirmado no seu cargo por Feijóo.

Esta oferenda floral de hoxe vense unir ao aceno do presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, no seu discurso de Ano Novo, cando compareceu perante as cámaras da Televisión de Galiza cun retrato de Rosalía de Castro como pano de fundo.

O PP combina, pois, xestos cara á galería de identificación cos símbolos nacionais por excelencia con políticas dirixidas a reducir o espazo da lingua e da cultura de Galiza na nosa sociedade.

Comentarios