O BNG de Lugo reúnese con movementos sociais para propoñer un "Plan de emerxencia económica"

A formación nacionalista mantivo unha xuntanza con Stop Desafiuzamentos ou a Asemblea de Desempregad@s para valorar as súas demandas de cara a pedir que o concello destine a cuestións sociais gran parte do seu remanente. 

O destino de moitos miles de euros nun momento de máxima urxencia social está en xogo. E por iso o BNG de Lugo quixo debater e compartir con diversos movementos sociais as súas propostas para destinar os fondos dos remanentes procedentes de exercicios orzamentarios anteriores por parte do concello. Así, a formación nacionalista reuniuse con Stop Desafiuzamentos, Asemblea de Desempregados de Lugo ou o Colectivo pola Renda Básica, nunha iniciativa que segundo o responsábel local, Alexandre Penas, quere recoñecer aos “colectivos que loitan máis enerxicamente polos que menos teñen”.

"O obxectivo do Plan de Emerxencia Social é garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas e a ampliación do plan de axudas ao alugueiro de vivenda"

O BNG presentaralle ao goberno municipal de Lugo unha proposta para investir unha parte dos 2,4 millóns de euros cos que conta polos remanentes doutros exercicios orzamentarios. Penas informou que no Pleno que decidirá os investimentos aos que se adicarán estas partidas celebrarase o vindeiro día 27 de xuño e que o Bloque “quere dedicar estes cartos á xente”. Os nacionalistas propoñen un Plan de Emerxencia Económica, destinado a fomentar e protexer o emprego e a viabilidade das pequenas empresas e autónomos. Outra das súas propostas do BNG é un Plan de Emerxencia Social para garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas e a ampliación do plan de axudas ao alugueiro de vivenda. De seren aprobados, ambos plans suporían o uso de 850.000 euros en paliar os efectos da crise. 

Pola súa parte, a edil Paz Abraira anunciou que o BNG presentará unha moción, para ser tratada no vindeiro pleno do concello lugués, reclamando do Goberno estatal que “desista do proceso de desmantelamento e privatización de servizos ferroviarios no noso país”. “O ferrocarril é un servizo público básico, sustentábel economicamente e que constitúe un elemento de cohesión social, ademais de ser un factor de dinamización e equilibrio demográfico”, indicou.   

Comentarios