GpS invoca o legado da Asemblea de Lugo de 1918

Coincidindo coa conmemoración do 95 aniversario da Asemblea nacionalista de Lugo (1918), a iniciativa social Galiza pola Soberanía volve á cidade amurallada para proclamar o dereito de Galiza a un Estado de seu plenamente soberano. O acto terá lugar este sábado 16 ás 12.00h no Pazo de San Marcos.

GpS
Cartaz editado por GpS

GpS organiza un acto público para lembrar aquela xuntaza, mais tamén para “testemuñar a forza do nacionalismo” e “consolidar”, din, “nestes cinco anos que restan para o cumprimento do centenario” a data do 18 de novembro “como unha data do soberanismo, en positivo”, explica Teresa Moure desde a Coordenadora nacional da GpS, e ir “pondo en valor” un almanaque de festividades propias, asegura. 

Asemade, sinala, “imos a Lugo” para rachar “coa fenda entre o occidente e o oriente” que existe na Galiza e que en non poucas ocasións leva a concentrar os actos do nacionalismo galego nas cidades do eixo atlántico en detrimento do interior –e do rural-- do país. 

Discurso político

A que será a terceira acción pública de Galiza pola Soberanía –após a presentación desenvolvida en Compostela o pasado 20 de xullo e das concentracións simultáneas levadas a cabo o 12 de outubro-- visa divulgar os contidos básicos do "discurso político". E será en tres planos. Tres planos, tres discursos. Tres focaxes da soberanía, nun acto que terá como cenario o emblemático Pazo de San Marcos.  

Así, a economista Mar Pérez Fra explicará desde unha perspectiva económica “as vantaxes reais” que ten “para toda a poboación” unha Galiza soberana, adianta Teresa Moure en conversa con Sermos Galiza. Pola súa banda, o xurista Héitor López de Castro afondará no “dereito dos pobos a se autodeterminaren”, un dereito recollido polo ordenamento xurídico internacional como “universal” e “inalienábel”. Finalmente, a propia Teresa Moure intervirá en nome da Coordinadora nacional da GpS e abordará “a realidade da nosa nación”, sinala, “en termos culturais”.  

Asemade, o acto contará cunha proxección audiovisual en que se recollen “as actividades que levamos feito” até o de agora, indica Teresa Moure, e unha actuación musical a cargo do grupo Habelas Hainas. Aliás, explica Moure, a Asemblea Nacional Catalana enviou folgos á iniciativa Galiza pola Soberanía após saber que non podería tomar parte do acto –ao que fora inicialmente convidada-- por razóns de axenda. Tamén así, e aproveitando os actos que algunhas das asociacións culturais de Lugo veñen desenvolvendo anualmente por estas datas, terá lugar unha ofrenda florar perante o Hotel Méndez Núñez en conmemoración daquela primeira asemblea nacionalista que hoxe lembra unha placa face o emblemático hotel.

“Queremos mudalo todo”

Desde aquel tempo, lembra Teresa Moure, “mudaron moitas cousas” e “sería precisa unha análise de fondo” arredor dos artigos que compoñen o manifesto aprobado polos asistentes á asemblea en 1918. Porén, salienta, “había ideas moi libertarias” afirma, como a defensa “da participación cidadá nos concellos” ou a loita pola igualdade de dereitos para as mulleres recollida no capítulo III. Se ben, matiza Moure, “non había mulleres convocadas” á xuntanza. O manifesto, di, tería “moitos matices” mais reflicte que “o nacionalismo galego é moi “liberador”, “moderno” e “revolucionario”, afirma. 

Eis o cerne da loita de Galiza pola Soberanía, unha iniciativa social que, lembran, “non quere só unha nación soberana” senón “un estado transformador”. “Queremos mudalo todo”, sentencia. 

Comentarios