VOTARASE O VINDEIRO DíA 14

O goberno de Boimorto responsabiliza ao PP da moción de censura que cualifican de “fraude electoral”

A vindeiro día 14 votarase a moción de censura apoiada polos concelleiros do PP xunto cun tránsfuga que se presentara polo PSOE que botará abaixo o goberno presidido por Xosé Luís Rivas, Mini (BNG). O alcalde responsabiliza ao PP da que será a primeira moción despois do 24M, a menos de cen días das eleccións. 

boimorto
photo_camera (Foto N.Rivas)

O grupo de goberno do concello de Boimorto daba esta segunda feira unha roda de prensa para mostrar a súa posición con respecto á moción de censura que se votará a o vindeiro día 14, a menos de cen días das eleccións municipais. Membros dos dous grupos políticos fixeron pública conxuntamente o seu rexeitamento da moción que bota por terra o goberno de coalición ao que chegaran após as eleccións municipais nas que acadaron a maioría con 4 representantes do PSOE e 2 do BNG, que se faría coa alcaldía. 

Os cinco concelleiros do Partido Popular canda José Balado, o edil non adscrito que concorrera aos comicios na candidatura do PSOE, suman a maioría necesaria para botar abaixo o goberno de coalición do BNG co PSOE. No texto da moción, os asinantes xustifican a súa presentación pola “inestabilidade” do goberno e fan referencia ao apoio maioritario obtido nos comicios para mudar a alcaldía de Boimorto. 

Saltar a lei antitransfuguismo

Pola súa parte, Xosé Luís Rivas non dubida á hora de responsabilizar ao PPdG da moción presentada a menos de cen días, tempo insuficiente, ao seu ver, para falar de “inestabilidade”. Na rolda de prensa desenvolvida esta segunda feira, Rivas falou de “fraude electoral” e explicou que, malia ser, a lei antitransfuguismo non se pode aplicar en Boimorto xa que o edil que aporta o voto para triunfar a moción non chegara a formar parte do grupo do PSOE xa que non se constituíra. Deixou ver tamén que Balado, o concelleiro que cambiou o seu voto, podía ser un “tapado” do PP. De todas maneiras, Mini anunciou que o BNG responderá xudicialmente diante esta situación coa presentación dun recurso electoral. 

O BNG responsabilizou tamén ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo como máximo representante do partido en Galiza, de promover a moción de censura contra o alcalde nacionalista, “promovendo unha fraude de lei ao fomentar o transfuguismo para obter unha maioría que lle negou a veciñanza nas eleccións municipais do 24 de maio”. 

Para a organización nacionalista trátase “dunha manobra política que se empezou a fraguar ao día seguinte da elección de alcalde, polo que a formación nacionalista avaliará todas as posibilidades legais” dunha acción que, ao seu ver, pode vulnerar “a normativa vixente en materia de transfuguismo”. 
 

Comentarios