Acción simbólica nun supermercado para alertar das necesidades d@s desempregad@s

Membros da Asemblea de Desempregados/as tiñan intención de coller unha cesta de alimentos presentando o cartón de desemprego para levala á Cociña Económica de Ferrol.
Asemblea de desempregad@s de Ferrol
photo_camera Asemblea de desempregad@s de Ferrol

A asemblea de desempregados e desempregadas organizada arredor da CIG de Ferrol protagonizou unha nova mobilización para chamar a atención sobre a dramática situación que están a padecer as miles de persoas que fican sen traballo. A intención do colectivo era retirar unha cesta chea de alimentos dun supermercado presentando o cartón de desemprego para despois entregala na Cociña Económica.

Porén, esta acción viuse truncada pola presenza de axentes da policía que impediron aos manifestantes a retirada dos alimentos e procederon a súa identificación. Os/as integrantes da asemblea de desempregados/as subliñaron que con esta acción queren reclamar máis recursos materiais para o colectivo de desempregado/as de longa duración e chamar a atención “sobre unha realidade que nos di que é máis importante o lucro empresarial que a propia supervivencia das persoas”.

“O noso colectivo decidiu levar a cabo esta acción simbólica co obxectivo de chamar a atención sobre a dramática situación que están a atravesar os/as traballadores/as cualificados/as como "desempregados/as de longa duración", é dicir, aqueles/as que levan máis de tres anos no desemprego”, explica nun comunicado a Asemblea.

Neste sentido, lembran que as últimas estatísticas presentadas por diferentes institucións indican que o colectivo de traballadores/as desempregados/as non deixa de medrar. De feito, no ano 2011 experimentou un incremento do 43% respecto ao ano anterior, e xa representan a quinta parte do conxunto de persoas sen traballo.

Á vista  destas cifras, o colectivo denuncia que “estes/as desempregados/as de longa duración son o perfecto paradigma do fracaso deste sistema económico e social que padecemos e que coñecemos co nome de capitalismo, que é incapaz de atender as necesidades máis básicas da maioría social en canto só é quen de satisfacer a necesidade cega do lucro privado e individual”.

Para expresar a situación social alarmante dun número moi importante de desempregados/as de longa duración que non teñen recursos nin para atender as súas necesidades máis básicas como a alimentación, membros da Asemblea decidiron entrar nun supermercado Maxi-Dia e coller “por necesidade” unha cesta de produtos básicos coa intención de entregalos na Cociña Económica.

Aínda que a Asemblea de Desempregados/as finalmente non puido levar a cabo a súa acción reivindicativa, realizou unha concentración diante do estabelecemento da cadea de alimentación e xa advertiu que continuará adiante co seu calendario de mobilizacións.

Comentarios