O comboio sinistrado en Angrois tomou a curva a 190km/h nun tramo onde a velocidade máxima son os 80km/h

Así o confirmou o condutor nunha comunicación por radio coa estación. A información foi confirmada polo Tribunal superior de xustiza de Galiza, namentres a subdelegación do Goberno español eleva a cifra de mortes a 78. Faltan aínda dous vagóns por inspeccionar 


"Somos humanos!", repetía o condutor do comboito que descarrilou esta cuarta feira a catro quilómetros de Compostelanunha conversa por radio que mantivo coa estación da capital galega.

Segundo vén de confirmar o Tribunal superior de xustiza de Galiza, un dos condutores do comboio confirmou nesa conversa coa estación que circulaba a 200 quilómetros por hora no tramo anterior á curva onde se produciu o sinistro, onde a velocidade fica limitada aos 80km/h. 

Porén, a el non lle deu tempo de decelerar e entrou na curva a máis do dobre, a 190km/h. No lugar non estaba instalado o dispositivo que impedía rebasar a velocidade máxima. Os dous condutores do tren saíron ilesos do accidente máis grave acontecido na Galiza, e o que máis vítimas mortais rexistrou no Estado español desde 1944.

A cifra de mortes sobe a 78 e faltan vagóns por inspeccionar

​Malia que nun primeiro momento se barallou a hipótese dun atentado, alimentada polas informacións da imprensa, tamén da TVG, e que o Goberno español tardou algunhas horas en desmentir, finalmente é o grande exceso de velocidade á cal viaxaba o tren o que se perfila como causa do sinistro que se saldou con 78 mortes. 

O dado é oficial, confirmado polo subdelegado do Goberno español na Galiza, mais é provisional. A listaxe cos nomes das persoas feridas púxose a disposición das familias ao redor das 9.45 desta mañá e faltan aínda dous vagóns por inspeccionar. As familias quéixanse do moito tempo que están a demorar as labores de identificación e que as informacións "non son tan claras como deberan". A través dun comunicado de imprensa, a Xunta pide "paciencia".

Comentarios