O exceso de velocidade perfílase como causa do accidente de tren en Angrois

Os dous condutores, que saíron ilesos, recoñeceron que tomaron a máis de 200 quilómetros por hora a curva anterior á do sinistro, nun tramo onde fontes de Renfe sitúan o linde de velocidade nos 80 quilómetros por hora. Os últimos datos apuntan a 78 vítimas mortais e máis de cento trinta persoas feridas. 

photo_camera [Imaxe: Óscar Corral]

78 vítimas mortais e unhas cento corenta persoas feridas é o balanzo destas primeiras horas dun 25 de xullo que onte ás 20.40 horas deixou de ser un día de festa, despois de que o tren Alvia descarrilase só tres quilómetros do centro de Santiago, no lugar de Angrois. Desde as tres da madrugada non ingresan novas persoas feridas no Clínico de Santiago. 

Unha curva tomada a 200 quilómetros por hora nun tramo onde a velocidade, segundo Renfe, está limitada a 80, perfílase como a causa do accidente de tren que esta cuarta feira causou a traxedia no lugar de Sandino, en Angrois, a catro quilómetros de Compostela. O tren proviña de Madrid e tiña en Ferrol o final de destino. 

A traxedia producíase vinte minutos antes das nove da noite e despois de toda a noite, o balanzo segue sen ser definitivo porque os servizos de emerxencia continúan a traballar no lugar do sinistro. Pasaban as sete da mañá cando o guindastre conseguiu apartar das vías dous vagóns, que foron inspeccionados no seu interior. 

O pavillón Fontes do Sar converteuse no improvisario tanatorio onde durante toda a noite estiveron chegando cadáveres, algúns aínda sen identificar. Policía científica, forenses e policia xudicial traballaron durante toda a noite no interior das instalacións para identificar os corpos. Os corpos trasladaranse ao Clínico para efectuárense as autopsias. 

No edificio Cersia do barrio compostelán de San Lázaro instalouse un operativo de quince psicólogos que estiveron a atender as familias durante toda a noite. A primeiras horas da mañá, familiares laiábanse de non coñecer aínda a sorte das persoas próximas que viaxaban no tren. As autoridades responsábeis do operativo non fixeran público, ás oito da mañá, ningunha listaxe de vítimas mortais. A policía indica que entre as vítimas mortais atópase moita xente nova que se dirixía a Compostela para as celebracións do día. 

Desde que se coñeceu o suceso, unha cidade conmocionada envorcouse para contribuír co que as indicacións oficiais recomendaban. As fileiras de persoas que se xuntaron no Centro de Transfusión -que mesmo se colapsou- falaban dunha solidariedade que se mostrou inmediata no lugar de Angrois onde a propia veciñanza acudiu na axuda das vítimas. A Asociación de Hostelería ofreceu habitacións para familiares que se achegaban a Santiago. 

Un día con distinto programa 

Arredor de 200 persoas traballaron durante toda a noite no lugar do sinistro no que, a primeira hora da mañá, os vagóns continuaban amoreados e grandes guindastres aínda non foran quen de movelos de enriba das vías. Por volta das 7 da mañá, apartaron o primeiro para a estrada lateral. 

Á primeiras horas desta mañá comezarán a efectuarse as autopsias e, por volta das 9.30, vaise realizar un Consello da Xunta extraordinario e tamén pleno no Concello de Santiago. Tamén arredor das 9 está previsto que o Clínico de Santiago faga público un informe sobre o estado das persoas feridas. 

O xuíz precintou a caixa negra do tren e desde Renfe aínda non se ofreceron explicacións das razóns do sinistro. De todas maneiras, as testemuñas continúan a afortalar a hipótese de exceso de velocidade. 

A declaración do condutor do comboio serviu para esclarecer as circunstancias do acontecido e desbotar deste xeito a hipótese dun atentado. Varias testemuñas declararon ter ouvido unha forte explosión que se correspondería co impacto dos vagóns ao saír da vía e chocar contra un muro de formigón. 

O Goberno español desmentiu xa esta posibilidade por boca de dous dos seus representantes: o subdelegado na Galiza, Samuel Juárez, e o ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz. Os dous sinalaron á imprensa que "non hai ningún indicio que apunte a que non se tratou dun violento descarrilamento" e que "non caben outras hipóteses sobre outras causas". 

Primeiro accidente en AVE

O de Compostela é o primeiro accidente na historia das vías do tren de alta velocidade e o máis grave dos últimos corenta anos en todo o estado español. Galiza rexistra no seu día o accidente de tren máis grave dos acontecidos en todo o mundo no que vai de 2013. A maior traxedia ferroviaria acontecida nas vías galegas até esta de Santiago tivera lugar en Rande en 1975, cun choque de trens que provocara quince mortos e vintenove feridos. 

 

 

Comentarios