O corralito galego: “Quen nos dera a nós a quita dos de Chipre”

O rescate da UE a Chipre pagarase en boa medida cunha taxa sobre todas as contas bancarias existentes na illa. Unha quita. O mesmiño que se impón en Galiza aos afectados polas preferentes para pagar o rescate dos bancos que os estafaron.
Chipre rescate

O rescate de Bruxelas a Chipre supón un salto cualitativo a respecto doutros anteriores (Grecia, Portugal, Irlanda). Non polas condicións draconianas asociadas (recortes, privatizacións,...) senón porque, como di o economista Carlos García. “a diferenza dos anteriores, xa se fai a cara descuberta”. Refírese García ao anuncio de que este rescate (polo que se inxectarían por volta de 10.000 millóns de euros) ía se pagar en boa medida cunha taxa ou imposto sobre as contas bancarias existentes nesta illa mediterránea. Vía para obter os 5.800 millóns que Chipre "ten que pagar para ser rescatada".

“A diferenza dos anteriores, este rescate faise sen pasamontañas, a cara descuberta”, ironiza o economista C. García

Para garantir que van cobrar, decidiron mesmo un corralito, para que eses depósitos non poidesen ser levados fóra. Os bancos permanecerán pechaddos até a quinta feira. Esa quita aos aforros dos chipriotas vaina haber. Falla por acordar a porcentaxe a aplicar. Nun primeiro intre falouse do 9,99% para as que superen os 100.000 euros; 6,75% para os de menos cantidade, mais, ante o medo a un estoupido social, estase a avaliar unha rebaixa na quita. De feito, Bruxelas pasa a bola a Nicosia, que sería a que teña que decidir se lle pon quita ou non aos aforros de menos de 100.000 euros. Aliás, Rusia (50.000 rus@s residen nesta illa), xa cualificou este rescate de “perigoso, inxusto e non profesional”.

O Parlamento de Chipre ten que se pronunciar hoxe, terza feira, sobre as condicións impostas para o rescate pola Unión Europea. Conservadores e centristas teñen a maioría na Cámara por un só deputado. E entre as ringleiras desta coligación non hai moita certeza de que todos os seus parlamentares digan amén sen máis ao rescate.

“Arruinaron a vida a miles de galegos, por que non de chipriotas?”

Hai unha palabra que estes días se está a empregar ao falar do rescate de Chipre e que é ben coñecida na Galiza: quita. Os milleiros de estafados polo calote das preferentes no noso país saben ben o que é. “Do que tiñamos aí aforrado vannos quitar unha boa tallada. Quedan cos nosos cartos! E para pagar o rescate dos mesmos bancos que nos enganaron e estafaron!!”. Quen así fala é Xosé Vicente, dunha plataforma de afectad@s arousá.

“Rescatan o banco que nos estafou e temos que dar o 40% do que aforramos en preferentes para iso, para que o salven”

A principios deste mes o goberno español anunciaba que a quita media das preferentes roldará o 40%. O que supón millóns e millóns dos pequenos aforradores galegos. “Na Galiza hai sobre 90.000 estafad@s por preferentes e subordinadas, a metade do que agora é NCG banco”, lembra Vicente.

Desde esta plataforma mesmo falan, nunha mistura de ironía e indignación, do 'roubo perfecto': “Os bancos engánannos. Logran os nosos aforros. Xestionan todo mal e vanse a pique. Hai que salvalos. E fano cos nosos cartos. E ese rescate págase, en parte, co 40% que nos rouban do que tiñamos aí metido. E eles vanse de rositas, sen que lles pase nada”.

Comentarios