O BNG e a Iniciativa Galega pola Memoria piden a dimisión do alcalde de Baralla

O BNG pide a dimisión do alcalde de Baralla e esíxelle ao PP que condene o franquismo. A través do vicepresidente Antonio Veiga, pedirá na Deputación de Lugo que se reproben as declaracións de González Capón e reclama que Núñez Feijóo se posicione sobre a súa apoloxía á represión. A Iniciativa Galega pola Memoria demanda a súa dimisión. 

Exhumación dunha foxa en Ponteareas
photo_camera Exhumación dunha foxa en Ponteareas

O BNG pídelle ao PP que “baixe do monte, saque a camisa azul e o correaxe e se comporte conforme ao que establece a práctica democrática normal e non de acordo aos principios fundamentais do movemento.”. Levará ao pleno da Deputación de Lugo, do que o alcalde de Baralla é membro, unha moción de condena das declaracións mais esixe un inmediato rexeitamento por parte do presidente do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, da voceira na Deputación, Elena Candia mais do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. 

Os nacionalistas reclámanlle ao PP unha condena clara do franquismo, unha vez varios dos seus dirixentes teñen manifestado as súas afinidades co rexime represor. 

O BNG esixirá no vindeiro pleno da Deputación de Lugo, institución da que González Capón é membro, unha condena unánime ás declaracións do alcalde de Lugo. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, esixiu tamén ao presidente do PP en Lugo, Xosé Manuel Barreiro que desautorice as declaracións do alcalde de Baralla e o obrigue a dimitir “se non quere converterse no seu cómplice”. 
Dada a gravidade dos feitos, o BNG reclama que sexa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen aclare “se a formación á que representa segue apoiando a represión franquista ou se pola contra defende a democracia”.

“Unha persoa cos plantexamentos políticos do alcalde de Baralla non ten cabida nun escenario político como o actual, no que incluso as súas declaracións rozan a ilegalidade ao chocar co establecido na Lei da Memoria Histórica”sinalou Antonio Veiga. 

Ademais de presentar a iniciativa para ser debatida no pleno da Deputación, Antonio Veiga reclámalle á portavoz Elena Candia que se posicione de maneira inmediata sobre as afirmacións do alcalde e deputado provincial. “Non pode esperar á celebración da sesión plenaria, debe posicionarse inmediatamente. Os populares teñen diante súa unha situación idónea para rachar coa súa posición tradicional de defensa do franquismo como xa amosaron no pleno da Deputación durante o debate sobre a retirada do título de fillo adoptivo da provincia da Franco” afirmou Antonio Veiga. 

Merece isto o pobo de Baralla?

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) pide a dimisión do alcalde de Baralla polas súas declaracións de apoio á represión franquista pronunciadas no pleno do pasado 26 de xullo. A IGM lembra ás máis de 6000 persoas asasinadas polo franquismo, ás mulleres violadas e torturadas, ou ás máis de 115.000 persoas que constan como desaparecidas para preguntarse “merece o pobo de Baralla que o seu alcalde falte así ao respecto ás vítimas do franquismo?”. 

Diríxense ao alcalde González Capón para dicirlle que as súas afirmacións poden ser entendidas polos familiares das vítimas do franquismo como “apoloxía do terrorismo, pois en nada axudan á paz e á convivencia democrática”. 

Desde a IGM -que agrupa ás entidades sociais que traballan pola recuperación da memoria histórica- requírenlle que, despois de ter sinalado que as súas declaracións estaban “sacadas de contexto” pasa agora a “sacarse vostede mesmo do contexto da vida política galega dimitindo do seu cargo”. Rubén Afonso Lobato, da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, en representación da Iniciativa Galega pola Memoria sinala que “non é de recibo  que un responsable político faga esas declaracións ofensivas e humillantes ás vítimas do franquismo en xeral. Non pode ser que un dirixente democrático adopte este tipo de declaracións nestes tempos que corren. Porque o tempo do franquismo xa pasou”. 

Comentarios