O BNG instou aos concellos da comarca da Coruña que tomen medidas contra Albada. A concesionaria de recollida e tratamento de lixos que opera no Consorcio das Mariñas incumpre os seus compromisos en materia de reciclaxe, segundo ven denunciando nos últimos meses a fronte nacionalista.
“A cantidade de lixo reciclada en Nostián é ínfima e o destino final da maior parte del é o seu depósito en vertedoiro ou a incineración”, asegura o BNG nun comunicado. O conflito laboral de Albada, cuxo persoal leva dúas semanas en folga, levou ás e aos traballadores da concesionaria a confirmar publicamente estas acusacións.
A fronte solicitou por este motivo aos concellos que esixan a devolución das taxas municipais para o servizo de lixos. Consideran que o pagamento do canon supón unha “estafa” para a veciñanza dos concellos de Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.
Os nacionalistas mostraron a súa oposición ao que cualifican de “grave agresión contra a saúde e o medio natural”, en relación ao tratamento inadecuado dos residuos. Aseguran que esta situación é“moi vantaxosa para Albada desde o punto económico ao non implicar separación nin tratamento en planta”.
O BNG anunciou que vai presentar iniciativas nos concellos da comarca contra esta situación inaceptábel e para reforzar as políticas públicas de reciclaxe.