Un AFondo sobre o Consello da Mocedade, esta quinta feira no Sermos Galiza

Decorridos cincuenta anos da creación do Consello da Mocedade, percorremos a súa intrahistoria, analizando a tesitura na que se xestou. 

Coordenado polo historiador e profesor da UdC, Uxío-Breogán Diéguez, Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor da constitución do Consello da Mocedade (1963), coincidindo co seu 50 aniversario. Da man de dous dos seus protagonistas, Salvador García-Bodaño e Bautista Álvarez repasamos aqueles anos en que se procuraba a (re)organización do nacionalismo após a queda republicana. 

Aliás, diversos artigos afondan nas contradicións que marcaron o fracaso dun proxecto no que conviviron diversas tendencias políticas. Sermos Galiza quer contribuír a deitar luz arredor dun dos fitos destacados da nosa historia máis recente, porén, un dos máis descoñecidos. Contributo da reorganización patriótica de Galiza, botamos a ollada AFondo ao (re)inicio dunha historia que chega até o noso presente. 

Imaxe capa: Debuxos de mocidade, Manuel Colmeiro (1928)

Comentarios